E agora que? Pode aínda evitarse que ENCE ocupe Lourizán ata o 2073?

Rolda de prensa da Plataforma Ence Fóra © Concello de Pontevedra

Dende a apertura da planta de ENCE en Pontevedra, sobre todo trala fin da ditadura franquista, a oposición de colectivos ecoloxistas e sociais á actividade da pasteira foi unha constante na comarca. ADEGA ou ALBE (Asociación de Biólogos) abriron camiño nos anos setenta e oitenta, e máis adiante a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) e Salvemos Pontevedra levaron a cabo un importante traballo de mobilización social e de batalla xurídica contra a continuidade da factoría en Lourizán. O obxectivo era o traslado da contaminante fábrica a outra localización, un traslado que polo seu custe -ao redor de 700 millóns de euros- nunca interesou aos seus propietarios. 

O inicio da pasada década estivo marcada pola loita política, legal e social entre a empresa e os colectivos contrarios á presenza da pasteira na ría, apoiados polo Concello de Pontevedra

A Lei de Costas de 1988 púxolle data de caducidade (o 29 de xullo de 2018), fixando un prazo máximo de 30 anos para as instalacións titulares de concesións de dominio público marítimo terrestre outorgadas con anterioridade a esa norma. A empresa, sobre todo unha vez que se completou o proceso de privatización en 2002, tentou por todas as vías posibles continuar en Lourizán. O inicio da pasada década estivo marcada pola loita política, legal e social entre a empresa e os colectivos contrarios á presenza da pasteira na ría, apoiados polo Concello de Pontevedra, e pola batalla ao redor do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal concedido por Manuel Fraga en exclusiva para ENCE.

Houbo un momento en que se comezou a dar por sentada a marcha de ENCE en 2018, defendida mesmo polo Partido Popular. En consecuencia, a mobilización social arrefriou un chisco. Porén, os movementos que comezaron a producirse en 2012, unha vez que os populares regresaron ao Goberno central, incrementaron o nivel de alerta da sociedade pontevedresa. O cambio de posición da formación conservadora comezou a visibilizarse coa prórroga concedida a Elnosa, que debía finalizar a súa actividade en 2014 e que agora -en principio- chegará ata o 2017. A viraxe sobre ENCE foi completándose ao longo de 2015.

A APDR e Salvemos Pontevedra, a Plataforma 2018 e a Plataforma Ence Fóra buscaron asegurar nos últimos anos que ENCE cumprise o compromiso de abandonar Lourizán en 2018, a través de varias batallas xudiciais abertas (renovación da Autorización Ambiental Integrada, caducidade da concesión, incumprimentos medioambientais...) e a convocatoria dalgunha manifestación (en 2015, en 2014, en 2013, en 2012...).

A renovación da concesión ata o 2073, decretada polo Goberno central en funcións, muda o obxectivo desta mobilización. O horizonte xa non é 2018, agora é 2073, e as entidades sociais e institucións opostas á continuidade de ENCE en Pontevedra van tentar por todos os medios ("social, politica e xudicialmente", como subliñou xa a Plataforma Ence Fóra) botar abaixo a prórroga anunciada este luns. Hai moitas vías posibles, pero non será doado.

O horizonte xa non é 2018, agora é 2073, e as entidades sociais e institucións opostas á continuidade de ENCE en Pontevedra van tentar por todos os medios botar abaixo a prórroga anunciada este luns

Os colectivos que conforman a Plataforma Ence Fóra celebrarán este martes unha xuntanza (20 horas, local social da Federación Veciñal Castelao) para fixar as estratexias a adoptar no futuro inmediato. Por unha banda está a resposta social e aínda que polo de agora aínda non se tomou ninguna decisión concreta, barállase a convocatoria dunha gran manifestación en protesta pola continuidade prevista da pasteira ata o ano 2073. Neste senso, o presidente da Federación Castelao, Juan Loureiro, fixo un chamamento á cidadanía para que “se rebele” e para que “non de por finiquitada a loita pola recuperación de ría, polo futuro de Pontevedra e a súa comarca".

APDR e Salvemos Pontevedra fixeron fincapé en que a concesión da prórroga podería incorrer nun delicto de "prevaricación", pois “chega cando está sen decidir definitivamente o expediente de caducidade da concesión de Lourizán”

Outro camiño é o xudicial. A Plataforma Ence Fóra salientou este luns que a decisión do Ministerio aínda "non é firme" e que será recorrida. Tanto a APDR coma Salvemos Pontevedra, ao igual que algunhas forzas políticas, fixeron fincapé en que a concesión da prórroga podería incorrer nun delicto de "prevaricación", pois “chega cando está sen decidir definitivamente o expediente de caducidade da concesión de Lourizán”, como sinalou Antón Masa (APDR).  Neste senso, Salvemos Pontevedra destaca que a decisión adoptada polo Goberno en función é a culminación dun proceso seguido nos últimos dous anos, no que o PP "se negou a dar cumprimento á sentenza do Tribunal Supremo do 11 de xullo de 2014, que condenaba á Administración á incoación do expediente de caducidade da concesión e á adopción de todas as medidas legalmente contempladas para a paralización das actividades e suspensión do uso e explotación das instalacións". 

ADEGA, ao igual que outras entidades, poñen o foco en que un Executivo en funcións non pode adoptar decisións deste tipo e que viola o artigo 21 da Lei 50/1997, que limita os actos dos gobernos nesta situación e só recolle como excepcións "casos de urxencia debidamente acreditados ou por razóns de interese xeral". A asociación ecoloxista sinala que só isto abriría a posibilidade de impugnar a prórroga.

A outra vía é a política, tendo en conta sobre todo a posibilidade de que o PP quede fóra do Goberno que se forme cos resultados das eleccións do pasado 20 de decembro. Este mesmo luns a tenente de alcalde do Concello de Pontevedra, Carme da Silva, afirmaba que lle pedirán ao novo Goberno central e aos partidos que o apoien a revogación da prórroga da concesión. Unha reclamación que tamén facía Xavier Vence, voceiro nacional do BNG, e sobre a que Antón Sánchez (vicevoceiro de AGE) sinalou que o seu grupo "presentará no Parlamento galego unha iniciativa instando ao goberno do Estado a que proceda á revisión de dita resolución e a deixala sen efecto".

Podemos destaca que "o Goberno do cambio está a chegar e con iso virá a derrogación desta ultraxe á sociedade de Pontevedra"

Podemos, pola súa banda, destacaba que "o Goberno do cambio está a chegar e con iso virá a derrogación desta ultraxe á sociedade de Pontevedra". A deputada de En Marea, Ángela Rodríguez, puxo neste senso a revisión da prórroga de ENCE como unha condición necesaria para poder chegar a un pacto co PSOE para a formación de Goberno. E Marea Pontevedra sinalou que esta situación "demostra a urxencia dun goberno de progreso e o perigo de manter durante máis tempo un goberno do PP".

Mentres, ADEGA apuntaba que "está por ver cal podería ser o custo para o erario público desta prórroga ilegal e fraudulenta, habida conta de que coa concesión na man e supoñendo unha futura revogación administrativa e/ou xudicial, ENCE podería reclamar fortes indemnizacións por lucro cesante". "Daquela, canto valería unha ría para un goberno de progreso?", preguntábase.

 

Manifestación contra as celulosas, en xuño de 2015 © APDR
Rolda de prensa da Plataforma Ence Fóra © Concello de Pontevedra

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.