En Marea coalígase con Compromís para as europeas e Lídia Senra será a número dous

Luís Villares e Mónica Oltra, líder de Compromís, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA En Marea

No primeiro día da campaña das eleccións xerais En Marea despexa unha das incógnitas que pairaban dende as primarias da formación: a fórmula de concorrencia á eleccións europeas do 26 de maio. Unha vez desbotada a posibilidade de secundar a Unidas Podemos, plataforma coa que tampouco participa nas xerais do 28A, Luís Villares confirmou este venres que a alianza na que se integrarán é a liderada por Compromís, candidatura na que Lídia Senra ocupará a segunda posición.

Villares considera a alianza con Compromís como un "bo acordo" e dá por "seguro" que Senra logrará escano nos comicios do 26M

Senra situarase así na candidatura á Eurocámara por tras de Jordi Sebastià. O gañador das primarias de Compromís encabeza unha candidatura na que, confirma Villares, participan tamén Equo, a Chunta Aragonesista e a formación balear Més per Mallorca, entre "outras forzas" dunha "gran coalición comprometida con todas as nacións do Estado" e a "construción social de Europa", en verbas de Villares.

A xuízo do voceiro de En Marea "levar a segunda posición nesta coalición de carácter estatal" permite "situarnos como actor político relevante dentro do Estado", pero tamén, considera, ter "segura" a "representación" na Eurocámara de 2019 a 2024. É unha "moi boa posición", resalta que se pechou tras unha negociación que remata cun "bo acordo para todas as partes" liderado por Compromís, formación "irmá" coa que En Marea aspira a "referenciarse" a nivel de Estado.

Lidia Senra, nunha intervención na Eurocámara en Estrasburgo CC-BY-NC-SA AGEe

As primarias de En Marea para os comicios europeos do 26M situaran como número 1 a Senra, que na lexislatura europea que agora remata foi eurodeputada por AGEe, siglas baixo as que Anova se integraran na candidatura A esquerda plural, na que ocupara o número 5. Por tras dela as eleccións internas de En Marea ubicaran a Sandra Pesqueira, Xoán Hermida, Celsa González e José Manuel García; previsiblemente integraranse agora noutros postos da coalición con Compromís.

A circunscrición española repartirá 54 ou 59 escanos o 26M en función do momento en que o Reino Unido saia da Unión Europea no caso de que isto acabe sucedendo

As proxeccións demoscópicas sobre a composición do vindeiro Parlamento Europeo, divulgadas pola propia Eurocámara a partir de enquisas estatais, sitúan na circunscrición española ao PSOE como forza máis votada e con máis representación, seguida polo PP, a coalición de Unidas Podemos, Ciudadanos, Vox e a coalición Agora Repúblicas, na que se integra o BNG, como forzas con representación. 

As posibilidades de que máis ou menos formacións teñan representación na circunscrición española dependen tamén de cando se produza finalmente a saída do Reino Unido da Unión Europea, caso de que acabe sucedendo. Se finalmente se produce a participación británica nos comicios España elixiría 54 escanos, como nas anteriores eleccións europeas, e cando o Brexit fose efectivo designaríanse outros 5. Se o 26M o Reino Unido xa non fose parte da UE os escanos a elixir serían, directamente, 59.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.