Minutos antes de dimitir a directora de Patrimonio asinou un informe contra o carril bici da Xunta en Santiago

Bosque do Banquete de Conxo e informe contrario ao carril bici que alí proxecta a Xunta asinado pola súa directora xeral de Patrimonio minutos antes de cesar no cargo CC-BY-SA Praza Pública

Patrimonio considera que o novo trazado proposto por Infraestruturas para Conxo ante as protestas sociais "minora de xeito importante as afeccións ao patrimonio cultural" pero "aínda conta con tramos incompatibles"

Carmen Martínez Insua, directora xeral de Patrimonio da Xunta desde facía máis de 12 anos, cesou "por petición propia" o pasado 12 de maio, último día no que ocupou o cargo. Ese día, ás 14.43 horas, asinou un informe contrario ao carril bici que o Goberno galego quere executar no denominado bosque do Banquete de Conxo, en Santiago, onde están vixentes diversas figuras de protección. 

A dimisión de Martínez Insua xa estivo no foco informativo polo seu informe favorable á fábrica de Altri en Palas de Rei condicionado, entre outras cuestións, a que a súa cheminea sexa convertida "nunha icona" con "elementos decorativos ou artísticos".

A infraestrutura da Xunta sobre a que Martínez Insua asinou o informe contrario poucos minutos antes de deixar o cargo é un carril bici de 10 quilómetros cun custo de 12 millóns de euros co que o Goberno galego quere unir os extremos da cidade de Santiago. Unha "estrada para ciclistas" como a denomina o propio Goberno galego que está a ser criticada por diversos colectivos e polo Goberno local polo seu impacto nos bosques e brañas da beira do río Sar, especialmente no denominado bosque do Banquete de Conxo, con efectos, entre outros, sobre o mosteiro de Conxo, declarado Ben de Interese Cultural (BIC), ou sobre o Camiño Portugués. [Nesta reportaxe interactiva recorremos en profundidade o proxecto: O custo da mobilidade sostible para a Xunta: 12 millóns nunha "estrada para ciclistas"... e as brañas do Sar]

Co carril bici moi avanzado ou xa rematado noutros puntos, nese treito de Conxo as obras están paralizadas mentres o Goberno galego tenta modificar o seu proxecto para reducir as críticas. Pero esas críticas non son só externas senón tamén internas.

Sobre o novo trazado tamén se pronunciou "desfavorablemente" o Consello Asesor do Camiño de Santiago 

Como contestación ás críticas o pasado novembro o departamento de Infraestruturas da Xunta reformulou o trazado ao paso por Conxo. Esa nova proposta, que apartaría o carril bici do río e do bosque meténdoo en parte polo aparcamento do hospital de Conxo, foi sometida a valoración por parte da Dirección Xeral de Patrimonio. Nese departamento entrou o documento o 20 de novembro, e o 3 de decembro varias áreas de Patrimonio pronunciáronse en contra da nova proposta.

Elementos do Plan Especial de Protección de Conxo e segunda proposta de trazado por esa zona formulada pola Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

Tanto o servizo de Arquitectura como o de Arqueoloxía consideraron que "o trazado modificado proposto, aínda que minora de xeito importante as afeccións ao patrimonio cultural, aínda conta con tramos incompatibles coa protección do patrimonio cultura e a conservación dos seus valores". Por iso, reclamaron que Infraestruturas achegue "unha nova formulación do trazado". O servizo de Arqueoloxía tamén lembrou que "as obras a realizar na área de protección arqueolóxica da Cidade de Santiago de Compostela, que leven consigo remocións de terras no subsolo deberán contar con informe do servizo Municipal de Arqueoloxía de Santiago". 

Ademais destes informes contrarios de Arquitectura e Arqueoloxía, en decembro tamén se pronunciou o Consello Asesor do Camiño de Santiago, que tamén informou "desfavorablemente" o trazado modificado presentado pola Xunta.

Informe da directora de Patrimonio que non autoriza o carril bici no bosque do Banquete de Conxo asinado ás 14.43 horas do luns 12 de maio, o seu último día no cargo CC-BY-SA Praza Pública

A remuda de Martínez Insua foi aprobada polo Consello da Xunta na mañá do luns 12, ás 14.43 horas a directora asinou o informe e o DOG fixo oficial o seu cesamento o día seguinte

Ante eses informes negativos emitidos en decembro por departamentos dependentes dela, a directora xeral de Patrimonio, Martínez Insua, resolveu "non autorizar o trazado modificado proposto". Unha resolución que asinou o 12 de maio, poucos minutos antes de deixar o cargo, sinalando en todo caso que "pode achegarse unha nova formulación do trazado que teña en conta os preceptos e criterios" sinalados polo seu departamento, similares aos que xa sinalara en 2023 cando Patrimonio autorizara a versión inicial do carril bici que despois se enfrontou ao rexeitamento social.

O cesamento de Martínez Insua transcendeu o domingo 11 de maio, ao publicar El Correo Gallego a súa saída con declaracións da propia directora xeral xustificando un fin de etapa. Ao día seguinte, luns 12, o Consello da Xunta aprobou a súa substitución e o presidente Rueda desbotou que tivese relación co permiso outorgado por Martínez Insua a Altri. Minutos despois de rematado o Consello, ás 14.43 horas, pouco antes de rematar tamén a súa presenza no cargo, Martínez Insua asinaba o informe negativo sobre o carril bici. Ao día seguinte, martes 13, o DOG facía oficial a súa remuda.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.