Dous días despois de que Luís Villares anunciase que deixa a política, a súa formación renuncia aos comicios “para non fragmentar o voto progresista”
Dous días despois de que Luís Villares, líder de En Marea, anunciase que deixa a política, e apenas dúas horas antes de rematar o prazo para inscribir coalicións electorais despois de fracasar diversos intentos para formar parte dalgunha, o Consello das Mareas anunciou na noite deste venres que o partido non se presentará ás eleccións do 5 de abril. Faino, di, “para non fragmentar o voto progresista en Galicia” e asumindo que a decisión “compromete a mesma finalidade da formación política”. Esta será a segunda vez que non se presente a unhas eleccións, tras facer o mesmo nas xerais do pasado novembro despois de que nas anteriores xerais de abril lograse apenas o 1% dos votos en Galicia.
En Marea xa non se presentou ás eleccións xerais de novembro despois de que nos comicios de abril obtivese apenas o 1% dos votos en Galicia
O Consello das Mareas lamentou “a falta de responsabilidade da esquerda en Galicia” e criticou que, fronte ao seu intento dunha “coalición ampla de forzas progresistas e soberanistas galegas”, “os pactos de coalición que se coñeceron nas últimas horas recordan o vivido durante os últimos catro anos, preocupación polos postos, pero non polo país”. Segundo di, “a situación de Galicia precisa de exercicios de responsabilidade que, en ocasións, vaian en contra dos intereses directos das formacións que se presentan”, e considera “lamentable que o arco progresista e soberanista galego non fose capaz de poñerse de acordo en artellar unha fórmula que ilusionara a Galicia e fixera real unha opción de cambio de goberno da Xunta”.
En Marea describe a situación da política galega como "partidos de esquerda negociando postos en listas en lugar de negociar programas de goberno”
A decisión de En Marea de non presentarse prodúcese ao tempo que Podemos, Anova e varias mareas locais, que no pasado formaran parte de En Marea, veñen de pactar unha coalición para as eleccións galegas encabezada polo líder de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino. Sen citar de xeito explícito ese acordo, En Marea describiu a “situación” da política galega: “Partidos de esquerda negociando postos en listas en lugar de negociar programas de goberno”.