Restan apenas tres días e só un acordo de última hora tan improbable como sorprendente provocaría que as formacións políticas e dirixentes que acudiron ás eleccións xerais de 2015 e 2016 baixo as siglas de En Marea, na altura sinónimo da coalición de Anova, Podemos e Esquerda Unida. En Marea, agora como partido, vén de ratificar en primarias as súas listas para o 28A e mais para as europeas de maio e, ao tempo, Anova, Podemos e EU tentan culminar un acordo de seu antes do 15 de marzo, límite legal para o rexistro das coalicións.
"Arredor de 1.100 persoas" participaron nas votacións para ratificar as listas da formación que encabeza Luís Villares
A reivindicación de En Marea como formación "sen tutelas" foi unha das mensaxes máis repetidas durante a campaña interna polas persoas ratificadas en primarias como candidatas ao Congreso e ao Senado. Segundo o escrutinio provisional, emitiron o seu voto "arredor de 1.100 persoas", isto é, en torno ao 25% do censo da formación. As listas para o Congreso encabezadas por Ana Seijas (A Coruña) , Cristina Pérez Herraiz (Lugo), Iván Olmos (Ourense) e Iris Malvido (Pontevedra) obtiveron 380, 206, 156 e 340 votos, respectivamente. Deste proceso saíu tamén ratificada a lista das europeas (980 votos), con Lidia Senra á fronte (904 votos).
No seo da formación que encabeza Luís Villares a posibilidade dun acordo de última hora coas antigas forzas da confluencia dáse practicamente por desbotada malia aos contactos puntuais que, segundo fontes consultadas por Praza.gal, existiron nos últimos días. O propio Villares remarcou antes do proceso que a súa proposta pasaba por que membros de Anova, Podemos ou EU participasen nas primarias a título individual. Dirixentes na contorna deste espazo político, caso de alcaldes como o coruñés Xulio Ferreiro, expresaron o seu chamamento a pactar candidaturas únicas pola fórmula da coalición, unha posibilidade que semella remota.
Negociacións da coalición
A coalición que segue a negociarse é a de Podemos, EU e Anova. Os contactos desenvolvidos nestes días deixaron sobre a mesa varias propostas para as eventuais listas conxuntas, segundo as fontes consultadas. Así, Antón Gómez-Reino, secretario xeral de Podemos Galicia e cabeza de lista de En Marea en 2015 e 2016, sería número un da nova formación pola Coruña. Outra das posibilidades negociadas, do agrado de Podemos, pasaría por que Yolanda Díaz, número dous pola Coruña nas anteriores xerais, encabezase a lista da coalición por Pontevedra.
Entre as posibilidades negociadas figura que Gómez-Reino lidere a lista ao Congreso pola Coruña e Díaz, por Pontevedra
A posibilidade de que Díaz lidere a lista pontevedresa deu lugar a receos no seo das negociacións. En sectores de Esquerda Unida non se considera axeitado que a ex-vicevoceira de AGE, ferrolá, pase a concorrer por Pontevedra. Outra posibilidade que segue a pairar sobre as conversas é que fose integrada nas listas de Unidos Podemos en Madrid por ser unha das dirixentes con máis relevancia no grupo parlamentario no Congreso durante a lexislatura que remata. Díaz, non obstante, desbotou esta posibilidade ao ser cuestionada ao respecto nas últimas semanas. Nestas negociacións pesa tamén as previsións demoscópicas dun resultado peor que o obtido por En Marea en 2015 -cadanseus 2 escanos pola Coruña e Pontevedra, 1 por Lugo e Ourense- e 2016 -2 escanos na Coruña e Pontevedra e 1 en Lugo-.
Unha das propostas valoradas para denominar a nova coalición é 'Galicia en común', pero aínda non existe acordo ao respecto
O outro punto por resolver nestas negociacións sería o papel de Anova na coalición. Unha das hipóteses de traballo sería que a formación liderada por Antón Sánchez teña reservado o número 1 por Lugo, posto que ocupou Miguel Anxo Fernán-Vello con En Marea, logrando escano tanto en 2015 como en 2016. Esta posibilidade restaría protagonismo a Anova na alianza, toda vez que nos anteriores comicios a número 1 por Pontevedra foi Alexandra Fernández, na altura ligada á formación. Anova, que reiterou nestes días os chamados a unha "fronte ampla", decidirá definitivamente antes do día 15 a súa postura sobre a participación nas xerais.
O límite legal do día 15 obriga, en calquera caso, a que as negociacións teñan data de caducidade en canto á formación das listas e tamén no que atinxe á propia denominación desta confluencia. Unha das fórmulas propostas foi Galicia en Común, marca xa proposta noutros procesos electorais e en torno a cal non existe, cando menos polo momento, un acordo que a torne en definitiva.