Chamadas a preservar a "unidade" de En Marea nas xerais, discrepancias na fórmula

Mitin de En Marea na campaña das eleccións galegas CC-BY-SA En Marea

O lanzamento do proceso de primarias de En Marea como partido instrumental para as eleccións xerais do 28-A, por unha banda, e a difusión de senllos comunicados de Anova, Podemos e Esquerda Unida anunciando o inicio dos contactos para concorreren coaligados a eses mesmos comicios estendeu a pasada fin de semana unha conclusión na política galega: a de dúas candidaturas diferentes con representantes dos espazos políticos agrupados nos últimos anos baixo as siglas de En Marea nas eleccións aos diferentes parlamentos. Este luns, no entanto, xurdiron voces dalgunhas destas forzas con chamadas á "unidade", pero con diverxencias na fórmula.

Luís Villares: "Dúas candidaturas enfrontadas nunhas eleccións xerais sería un suicidio político"

Os dirixentes que este luns se pronunciaron ao respecto coincidiron en non dar por feita a quebra, cando menos de momento. "Non teño ningunha constancia de que iso vaia ser así", respondía Luís Villares a preguntas da prensa. A xuízo do tamén voceiro de En Marea no Parlamento galego, "dúas candidaturas enfrontadas nunhas eleccións xerais sería un suicidio político" e "non só para esas dúas candidaturas", senón "tamén para as alcaldías do cambio". Por iso, afirma, a súa aposta é "unha soa lista,  máis participada posible" sobre a base das primarias do partido instrumental.

A mención de Villares ao ámbito municipal chegaba apenas minutos despois de que o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, fixese pública a súa postura sobre o conflito. No que é interpretado como a posición política da Marea Atlántica, Ferreiro evocaba o "espazo de unidade que hoxe representan as alcaldías do cambio, as mareas municipalistas e o conxunto de deputados e deputadas de En Marea no Congreso e no Parlamento de Galicia", o cal "non se construíu nin rápido nin en liña recta" e "tan debedor da creación de AGE como do acordo de Mazarelos" e "ten tanto que ver coa Marea Atlántica" e outras candidaturas locais como "coa asemblea constituínte de En Marea en Vigo".

Luís Villares, en rolda de prensa este luns e Xulio Ferreiro, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA EM / Concello da Coruña

Xulio Ferreiro: "Mareas municipalistas, partidos da confluencia e a propia En Marea deberíamos facer un exercicio de realismo e responsabilidade e construír unha nova coalición xenerosa e solidaria"

"Renunciar a un só deses episodios da nosa historia en común é renunciar ao que somos e ao que conseguimos", sinala o rexedor coruñés, dende cuxo punto de vista no actual "momento de excepción" é "tempo de sermos realistas": "Lamentablemente -cre- ningunha das ferramentas que puxemos en marcha coa mellor das intencións representa ao conxunto do espazo" pero "todas son representativas de algo máis importante ca unhas siglas: o desexo e a demanda de unidade". Neste sentido, a súa aposta é a dun "último esforzo" para lograr unha "alianza ampla". "Mareas municipalistas, partidos da confluencia e a propia En Marea, en pé de igualidade, deberíamos facer un exercicio de realismo e responsabilidade e construír unha nova coalición xenerosa e solidaria para disputarlle á dereita en Galicia as eleccións xerais" aínda que non sexa "doado" e tendo en conta as "dificultades" e as "feridas" previas, conlúe.

A cuestión da coalición, precisamente, é un dos puntos esenciais de discrepancia. Neste sentido, Villares considera "preocupantes" as voces que apostan por esa fórmula como "única" posible, toda vez que "non permite" a participación de "persoas independentes" sen adscrición partidaria, considera, e "nos volvería situar" no escenario de "estar integrados no grupo confederal", isto é, de non poder constituír grupo propio no caso de conseguir cinco ou máis escanos. Por iso, resalta, "o espazo unitario de adscrición individual conformado hai dous anos" é a mellor opción ante uns comicios nos que "se non imos xuntos, producirase unha decepción electoral", augura.

Mitin de En Marea en Vigo antes das xerais de 2015 © En Marea

Anova chama a "poñer por diante todos os elementos que nos unen" e lembra que a súa Coordinadora Nacional aborda a política de alianzas o día 23

Neste escenario, e tendo en conta que o 15 de marzo é a data legal límite para rexistrar coalicións para o 28-A, dende outras das pezas deste taboleiro apóstase tamén por non dar todo por pechado. Neste sentido, Anova aclaraba este luns que será o vindeiro día 23 cando a súa Coordinadora Nacional "decida a estratexia das próximas eleccións xerais" e, concretamente, a "política de alianzas" coa que procurar "a unidade na diversidade". "Entendemos que é fundamental poñer por diante todos os elementos que nos unen e configurar un espazo plural, diverso e de ruptura", sinala a formación cuxo voceiro nacional, Antón Sánchez, insta tamén a non dar por feito que vaia haber dúas opcións electorais diferentes.

Tamén a dirección estatal de Podemos foi cuestionada ao respecto pola prensa e, aínda que non pecha a porta á confluencia en Galicia tamén con En Marea, admite como real a posibilidade de candidaturas diferentes. "Se por nós fose reeditaríamos os acordos" de xuño de 2016, sinalou unha das voceiras da Executiva estatal da formación, Noelia Vera, se ben admite que "en Galicia e en Valencia hai máis actores" en referencia a En Marea e Compromís e estes "teñen outras follas de ruta", cre.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.