- Un triunfalismo de Núñez Feijoo desmentido polos datos
- O presidente ridiculiza os cambios no PSdeG, que pide máis autogoberno
“Os que peor o están a pasar non deben empregarse xamais como arma política”, dixo este martes o presidente da Xunta na presentación dun plan contra a pobreza asinado polo seu Goberno coas ONG galegas e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Un día despois, a petición de Feijóo mudou nun ataque directo ás políticas sociais das Mareas municipais a través de AGE, que o presidente identifica como unha mesma cousa: “O que a vostedes lles interesa é sementar problemas sociais en Galicia para logo responsabilizar a outros”, dixo este mércores no Parlamento de Galicia.
AGE e BNG aféanlle a Feijóo que o seu plan contra a pobreza chegue tras sete anos de recortes
A última comparecencia de Feijóo no Parlamento antes da repetición das eleccións xerais converteuse nun mitin electoral cun presidente especialmente agresivo contra toda a oposición, mesmo contra a nova voceira do PSdeG, Patricia Vilán, que se estreou no cargo cunha intervención de formas moderadas. Feijóo, como vén sendo habitual, deu a volta á sesión de control ao Goberno e converteuna nun debate de control á oposición, chegando a esixir en varias ocasións ao vicevoceiro de AGE, Antón Sánchez, que respondese ás súas preguntas. “Debe vostede respostar”, insistiu o presidente da Xunta ao deputado da oposición.
Tanto a voceira do BNG, Ana Pontón, como Sánchez centraron as súas preguntas a Feijóo no incremento da pobreza en Galicia segundo os datos do Instituto Nacional de Estadística (INE) e afeáronlle que o plan contra a pobreza asinado o martes coas entidades sociais chegue tres anos de recortes. “Ninguén lle vai comprar a vostede que agora vai facer o contrario que nos últimos sete anos”, dixo Pontón, que instou o PP a derogar o copagamento dos medicamentos, a reforma laboral e as normas hipotecarias. Na mesma liña, Sánchez salientou que Feijóo “móvese a última hora para disimular as políticas antisociais que fixo”, que ao seu xuízo foron “especialmente duras cos de abaixo”.
Feijóo salientou que a Xunta é "o goberno máis social de España" co seu plan de 162 millóns para 36.000 familias
O presidente galego admitiu que a pobreza “segue a ser un dos principais problemas de España e Galicia”, pero salientou que a situación en Galicia é mellor que no resto de España. Feijóo lamentou que cando chegou á Xunta tivo que “tapar os buratos que vostedes deixaron”, en referencia ao bipartito de PSdeG e BNG, pero asegurou a continuación que o seu Goberno non quixo “utilizar iso como desculpa para non facer política social”. O presidente eloxiou o plan contra a pobreza presentado o martes e salientou que contempla 162 millóns de euros para 36.000 familias, o que converte á Xunta no “goberno máis social de España”.
Feijóo volveu identificar AGE coas Mareas municipais e pediulle explicacións polas políticas do alcalde de Podemos en Cadiz
Foi na súa intervención de suposta resposta a AGE cando Feijóo comezou a cargar contra os gobernos municipais das Mareas pedindo explicacións a Anton Sánchez, que foi chamado á orde por cualificar o PP de “partido corrupto”. “En Santiago vostedes baixaron o financiamento do Banco de Alimentos, de Proxecto Home e do albergue de Xoán XXIII”, dixo o presidente, en referencia á decisión do goberno municipal de Compostela Aberta de reducir as subvencións directas a esas entidades e convocar axudas públicas abertas para os mesmos fins. No caso do albergue, os seus responsables reclaman á Xunta que incremente as súas prazas. Na súa última intervención, na que o presidente esixiu respostas ao deputado de AGE, Feijóo mesmo botoulle en cara as políticas do alcalde de Podemos en Cádiz, “Kichi, compañeiro seu”, e instou a AGE a “irse definitivamente do modelo chavista”.