Feijóo censura que os ministros non o avisen das súas visitas e Caballero ínstao a asumir que xa non é o "único protagonista"

Pedro Duque, durante a súa visita ao buque Sarmiento de Gamboa en Vigo © Deputación de Pontevedra

Durante practicamente oito dos máis de dez anos que Alberto Núñez Feijóo leva na presidencia da Xunta, o Goberno do PP en Galicia cadrou cun Goberno do PP en España. Tras apenas dous anos nos que o enfrontamento co Executivo de José Luis Rodríguez Zapatero en plena crise económica fora unha das principais ferramentas políticas do Executivo dos populares galegos, a Xunta de Feijóo compartiu, cando menos aparentemente, os principais trazos da axenda política do gabinete de Mariano Rajoy.

Este escenario mudou tras a moción de censura que na primavera de 2018 levou a La Moncloa ao socialista Pedro Sánchez. A dialéctica dende San Caetano volveu en boa medida aos tempos de Zapatero e o PPdeG comezou a sinalar o que considerou diversos "castigos" do Goberno de Pedro Sánchez a Galicia, especialmente tras a presentación do proxecto de Orzamentos do Estado que non chegou a prosperar. A tensión recruou tras a convocatoria das eleccións do 28A e non deixa de medrar tras a investidura fracasada do líder do PSOE. Agora, a conta das visitas de membros do Goberno de España en funcións sen contar coa Xunta.

O retorno do PSOE ao Goberno de España devolveu a Xunta á dialéctica dos tempos de Zapatero, agora a conta das visitas de membros do Goberno de España en funcións como Reyes Maroto e Pedro Duque sen contar coa Xunta

A semana comezou cunha viaxe á Coruña e Santiago da ministra de Industria, Reyes Maroto, co peche da venda da factoría coruñesa de Alcoa como pano de fondo. E continuou, o pasado xoves, coa visita do ministro de Ciencia, Pedro Duque, ao buque Sarmiento de Gamboa na súa base de Vigo antes da súa partida a unha misión de investigación sobre minaría en augas profundas. Ningún dos dous dirixentes incluíu na súa axenda á Xunta, pero si a cargos institucionais do PSdeG e tamén ao seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, que insta a Feijóo a asumir que xa non é o "único protagonista" da escena política do país.

Duque, ministro de Ciencia en funcións, con Gonzalo Caballero e outros cargos do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Feijóo ve nas visitas dos ministros sen contar coa Xunta "un enorme desprezo polas institucións democráticas"

As queixas do Goberno galego chegaron primeiro pola banda do conselleiro Francisco Conde e do vicepresidente, Alfonso Rueda, para despois unirse a elas o propio Feijóo. Maroto e Duque, acusou Feijóo dende Baiona, amosaron un "enorme desprezo polas institucións democráticas". 

Ao non contar coa Xunta nas súas axendas, cre, demostran que non visitan Galicia como ministros, senón como potenciais candidatos a unhas novas eleccións xerais. Pedro Sánchez, di o titular do Goberno galego, está "preparando a próxima campaña electoral" e por iso promove que a Xunta saiba "pola prensa" das visitas dos seus ministros a Galicia.

Gonzalo Caballero recomenda a Feijóo que se "tranquilice": "Rematou o tempo no que dicía aos galegos quen se podía reunir con quen e falaba coa deslealdade que quería en cada lugar de Galicia"

Unha interpretación ben diferente é a que fai Caballero dos actos galegos de Maroto e Duque, que tiveron actos de partido e tamén encontros institucionais con dirixentes como a alcaldesa da Coruña, o alcalde de Santiago ou a presidenta da Deputación de Pontevedra. 

Feijóo, di o líder socialista, debera "tranquilizarse". "Rematou o tempo en que Feijóo cría que era o único que repartía xogo e falaba coa deslealdade que quería en cada lugar de Galicia"; di Caballero, que recomenda ao líder do PPdeG "gobernar con lealdade institucional". A Xunta, segundo o socialista, debera "respectar" a "autonomía" dos diferentes gobernos, porque xa non é o "tempo" no que Feijóo "dicía aos galegos quen se podía reunir con quen". Agora, mantén, xa non é "o único protagonista da vida política" do país.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.