No derradeiro día do pasado xullo o persoal da factoría de Alcoa na Coruña vía aliviado o conflito polo que levaba mobilizado dende o outono de 2018: o fondo de investimento Parter Capital ratificaba as condicións para mercar a fábrica de aluminio da Grela que a multinacional estadounidense ameazaba con pechar. Entre as garantías, o mantemento dos máis de 300 empregos durante dous anos, pero cun escenario xeral condicionado a unha baixada dos prezos da enerxía eléctrica. É dicir, á aprobación por parte do Goberno de España do prometido estatuto das industrias electrointensivas.
Sempre dende a reivindicación da inmediata aprobación do Estatuto do Consumidor Electrointensivo, o persoal da fábrica da Coruña, renomeada como Aluiberia, recibiu con satisfacción o peche da operación que o salvou do ERE. Mentres, na Xunta reinou a frialdade. O conselleiro de Industria, Francisco Conde, advertiu de que a ausencia desa normativa eléctrica converte calquera solución para a fábrica coruñesa en provisional e mantén a incerteza sobre Alcoa San Cibrao, e o Executivo central retrucou reprochando que o Goberno galego apenas se implicara na resolución do conflito.
As seguras eleccións galegas e os eventuais novos comicios xerais son o pano de fondo do conflito político entre os gobernos galego e central tras a venda da factoría coruñesa
Este foi o primeiro capítulo do que no inicio desta primeira semana completa de agosto derivou xa en conflito político aberto entre ambos gobernos cun duplo arrecendo preelectoral: o das seguras eleccións galegas, que se celebrarán a máis tardar no outono de 2020, e o das eventuais eleccións xerais que se celebrarían o 10 de novembro deste 2019 no caso de que a investidura de Pedro Sánchez non dea frutificado. A ministra de Industria en funcións, Reyes Maroto, visitou Galicia coa resolución do balance da resolución do conflito de Alcoa encabezando unha axenda que non incluíu encontro ningún coa Xunta, o que en San Caetano len como unha "falta de respecto impropia dun goberno responsable".
Na súa visita a Galicia, que non incluíu encontros coa Xunta, a ministra de Industria en funcións suxeriu que o PP podería facilitar a aprobación do Estatuto Electrointensivo se non "bloquease" a investidura de Sánchez
Formalmente, a viaxe da ministra consistiu en senllas visitas institucionais aos concellos da Coruña e Santiago e mais nun acto de partido co secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero. No caso coruñés a visita incluíu tamén unha xuntanza con representantes do persoal de Aluiberia, no propio Pazo de María Pita. Alí Maroto deixou críticas ao Goberno de Feijóo: "hai que estar á altura" e ser "agradecidos", dixo a socialista tras asegurar que non recibira nin unha "chamada" de parabéns do conselleiro Conde tras a confirmación da venda.
No acto compartido con Caballero a ministra en funcións agregou ademais ademais o que o PP interpretou como unha presión do Goberno de España en clave partidaria. É unha "gran contradición", dixo, que o PP "bloquee a formación de goberno" por parte de Pedro Sánchez, porque "se se bloquea a formación de goberno, estase bloqueando o Estatuto do Consumidor Electrointensivo" que os populares poderían acelerar absténdose na investidura.
Feijóo, que este martes se reuniu co persoal e cos compradores da fábrica, reprocha á ministra a "falta de respecto"
A resposta de Feijóo chegaba este martes, no marco das xuntanzas que mantivo con representantes de Parter Capital, aos que ofreceu "un plan de formación" para o cadro de persoal de Aluiberia na Coruña e axudas para financiar investimentos. Xuntouse ademais con representantes do persoal, que pide a fin dos "parabéns", xa que agora é tempo de "traballar" para garantir que o horizonte da factoría non é de só dous anos.
A solución da fábrica de aluminios sempre será "provisional" mentres non haxa estatuto electrointensivo, reiterou o presidente da Xunta. A seu xuízo, a visita de Maroto e as súas declaracións foron unha "falta de respecto" impropia dun "goberno responsable". Para o líder do PSdeG, no entanto, fica claro que Xunta e PP o único que achegaron a este conflito foron "paus nas rodas": "primeiro dicindo que non había investidores" e despois "dando por definitivo o peche das plantas" tanto na Coruña como en Avilés.
Alcoa, que segue en San Cibrao, volve reducir produción e o persoal reitera a necesidade do Estatuto Electrointensivo
Mentres se producía este cruzamento de declaracións, que o BNG interpretaba este martes a través da súa vicevoceira parlamentaria, Olalla Rodil, como un exercicio de "partidismo cutre" de populares e socialistas, a incerteza continúa na fábrica galega que segue a ser de Alcoa, a de San Cibrao. Así, o comité de empresa desta fábrica ratificaba este mesmo martes que a empresa rebaixa a produción de aluminio un 6,25% adicional ao 5% que xa estaba a aplicar. "A situación é moi preocupante e pódese agravar de non aprobarse en breve o estatuto para a industria electrointensiva", advirte o persoal, que xa valora novas "medidas reivindicativas".