Feijóo conclúe que en Galicia todo é mellor tras os seus dez anos de goberno

Feijóo, no acto de celebración do décimo aniversario da súa primeira vitoria electoral CC-BY-SA PPdeG

Todo está mellor que hai dez anos. É a conclusión que cabe tirar do prolongado discurso co que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, celebrou este 1 de marzo o décimo aniversario da súa primeira vitoria electoral por maioría absoluta. Nun mitin ao que acudiu toda a cúpula dirixente do PPdeG, pero non Pablo Casado -que viaxa esta fin de semana á Coruña, Ferrol e Santiago-, o líder dos populares galegos multiplicou os eloxios cara á súa propia xestión entre continuas chamadas ao "voto útil" -ao PP- para que este rumbo non varíe.

Nun mitin ao que acudiu toda a cúpula dirixente do PPdeG o presidente da Xunta multiplicou os eloxios cara á súa propia xestión entre continuas chamadas ao "voto útil" ao PP para que este rumbo non varíe

No claustro do compostelán hotel San Francisco, onde estaban membros do Goberno actual e tamén ex-conselleiros -entre eles Javier Guerra, agora próximo a Ciudadanos- soaron algúns dos grandes éxitos da playlist popular da última década. En sentido literal, co seu grupo fetiche Los limones, e tamén en sentido figurado. O xefe do Goberno galego presentou os seus Executivos como sinónimo de "estabilidade", de "responsabilidade", de "gastar menos en si mesmo", de "facer máis con menos", de que Galicia teña "máis servizos públicos" e "máis eficaces".

Segundo o diagnóstico presidencial grazas ao seu labor "Galicia é máis social e máis inclusiva ca nunca", a sanidade pública marcha mellor que hai unha década e Galicia "está mellor comunicada, máis ordenada territorialmente" e mesmo se "respecta máis a si mesma". Todo isto co autogoberno intacto grazas á boa xestión económica do PP,  dixo en referencia á non intervención polo estado das contas autonómicas nuns anos nos que, non obstante, a Xunta non recibiu unha soa competencia nova. "Galicia foi a única comunidade que mantivo plenamente o seu autogoberno constitucional" porque "uns preferiron axitar bandeiras e nós, pagar as facturas", sintetiza.

"Uns preferiron axitar bandeiras e nós, pagar facturas", proclamou o líder do PPdeG, que implicitamente sinala entre as "decisións complexas" destes anos a súa disxuntiva sobre marchar ou non a Madrid

Mentres o novo líder estatal do PP axita a recentralización e a guerra lingüística, Feijóo quixo facer ver no seu aniversario político que Galicia fica fóra diso. "Aquí non perdemos nin un segundo nas pretensións de quen quere que elixamos entre Galicia e España" porque "somos de menos nacionalismo e populismo e máis traballar". Galicia está moito mellor que en 2009 grazas ao PP e para que mellore aínda máis cómpre que o pobo galego siga votando ao PP. "Voto útil" era o lema e o mantra do evento

Con notas emotivas como as lembranzas para o seu pai, falecido en 2016, e tamén para o seu fillo, nado en 2017, no plano estritamente político o presidente da Xunta sinala que nestes anos tivo que enfrontarse a "decisións difíciles". Entre elas destaca "algunha decisión complexa do último ano", no que semellou unha referencia implícita á disxuntiva sobre ficar en Galicia ou marchar a Madrid para optar a ser o substituto de Mariano Rajoy. Pero, en calquera caso, todo "pagou a pena". E agora, di, disponse a "seguir garantindo" que "o voto útil para Galicia é o voto ao PP".

Feijóo, intervindo no mitin no que o PP celebrou o aniversario da súa vitoria de 2009 CC-BY-SA PPdeG

O PSdeG pregúntase "que celebra" Feijóo e o BNG ve un "decenio negro"

O décimo aniversario da vitoria electoral do PP en 2009 tamén atopou eco en dúas das tres formacións da oposición parlamentaria. Pola banda do PSdeG o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, cre que cabe preguntarse "que celebra" Feijóo, porque en realidade o país "está en peores condicións" que hai unha década e a celebración do PP é, realmente, o retrato dun "fracaso".

A caída de poboación e o envelelcemento, o "incremento da débeda ou o empeoramento do mercado laboral" son, para os socialistas, mostras dun "fracaso" ao que cómpre "dar a volta". Estes e outros aspectos desta década sintetízanos nun vídeo co que chaman a "dar a volta" aos anos de Goberno de Feijóo.

Pontón lembra que as "primeiras medidas" que o PP tomou en 2009 foron "atacar o galego" e "cuestionar o dereito das mulleres a decidir sobre a súa maternidade"

Pola banda do BNG a súa portavoz nacional, Ana Pontón, resume a década con Feijóo no poder como un "decenio negro". "Feijóo deixa unha Galiza con máis paro, con máis desigualdade, coa sanidade pública tocada a base de recortes e privatizacións, con milleiros de mozas e mozos na emigración", di a líder nacionalista-

A xuízo de Pontón cómpre lembrar que "as primeiras medidas que os populares tomaron en 2009 tras retornar ao poder "foron atacar o galego" coa derrogación do decreto da lingua no ensino e a reforma da función pública e, ao tempo, "cuestionar o dereito das mulleres a decidir sobre a súa maternidade desviando fondos á Red Madre antiabortista" coa aprobación dunha lei a tal efecto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.