Feijóo di en Euskadi que “o voto dos vascos ten que servir para facer un País Vasco forte” e non para fortalecer a Sánchez

Feijóo no seu mitin en Bilbao deste venres © PP

O popular seguiu este venres coa súa campaña interna catro días despois de que os afiliados xa votasen a súa única candidatura 

Catro días despois de que o pasado luns os afiliados do PP votasen a súa única candidatura para presidir o partido a nivel estatal cun 99,63% dos votos ao seu favor, este venres o aínda presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, continuou a súa campaña interna en Euskadi, Navarra e La Rioja. No mitin e Bilbao o popular dixo sentir pena por ver “como cada día se retorce a vontade dos vascos para poñela a disposición dos intereses do presidente Sánchez”.

Feijóo co presidente do PP vasco, Carlos Iturgaiz © PP

O aínda presidente da Xunta di que ser presidente non é ter "asesores" ou transporte oficial senón "desgastarse para que non se desgaste o teu país", e que hai partidos na oposición que serven máis á cidadanía que partidos no goberno

Segundo Feijóo, “o voto dos vascos ten que servir para facer un país vasco forte, non para facer un presidente Sánchez forte nun Goberno dividido e fragmentado”. Unha fortaleza de Sánchez que o popular atribúe a que, ao seu ver, non toma decisións e polo tanto non se desgasta. Ser presidente, dixo, non é ter “asesores” ou medios de transporte oficiais senón que “ser presidente é desgastarse para que non se desgaste o teu país”, asegurou.

Hai que "servir, e non servirse", dixo, para insistir en que o Goberno central é "o máis flouxo que se lembra" e preguntarse "que máis ten que pasar para que se tomen decisións en España".

O popular tamén dixo na súa intervención, en suposta referencia ao PP vasco, que “hai partidos que serviron máis aos cidadáns desde a oposición que partidos que serviron desde o goberno”, e asegurou que “os principios e a historia do PP vasco, deste PP heroico, guiarán os pasos do Partido Popular de España”.

Mitin de Feijóo este venres en Bilbao © PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.