Feijóo erixe o goberno de Rajoy en modelo de "política á galega"

Rajoy e Feijóo, no mitin de Cotobade CC-BY-SA PPdeG

Este martes o Parlamento reúne a súa Deputación Permanente a instancias dos tres grupos da oposición para, como o pasado xullo, pedir -previsiblemente sen éxito- contas ao Executivo galego polo novo veto do Goberno de España ao traspaso da AP-9 a Galicia malia ser reclamado pola unanimidade da propia Cámara. Este domingo, a apenas corenta e oito horas desa cita, Alberto Núñez Feijóo e Mariano Rajoy volveron compartir escenario para, por segunda ocasión lonxe do Castelo de Soutomaior, abrir simbolicamente o "curso político" do PP. Nese mitin non estiveron presentes asuntos pendentes para Galicia como o traspaso da autoestrada. Ben ao contrario, o titular da Xunta empregouno para erixir o gabinete de Rajoy en modelo de "política á galega".

Entre ecos da manifestación de Barcelona en repulsa polos atentados do 17 de agosto e ás portas da Diada Nacional catalá e mais da data prevista para o referendo de autodeterminación auspiciado pola Generalitat, o presidente da Xunta volveuse gabar de presidir un territorio politicamente antónimo a Catalunya. "Tanto galegos como españois escolleron ao Partido Popular maioritariamente", afirmou o presidente -nas últimas eleccións galegas tivo o 47% e nas últimas xerais, o 33%- por aspectos como a súa xestión económica e, dixo, por facer a devandita "política á galega", que na actualidade xa se "coñece" xunto ao "patrimonio cultural á galega", a "natureza á galega" ou a "gastronomía á galega".

Feijóo sinala que a "política á galega" xa se "coñece" xunto á "gastronomía á galega" ou a "natureza á galega"

Esa modalidade política enunciada por Feijóo consiste, asegura, en "traballar máis do que se fala" e en "pensar menos nos votos que en crear emprego a longo prazo e ser leal ao resto dos españois". Esa é a fórmula aplicada por Rajoy, mantén, pero tamén polos altos cargos do seu Goberno nados en Galicia e mesmo tamén por algúns que non son galegos pero teñen ligazóns co país. É o caso, afirmou, do ministro de xustiza, Rafael Catalá, de Madrid pero que "veranea dende hai moitos anos en Sanxenxo".

Laio pola Deputación

Rueda augura que o de 2018 será o último mitin de inicio do "curso político" lonxe de Soutomaior porque o PPdeG vai "recuperar" a Deputación de Pontevedra

Como na súa edición de 2016 este mitin dos conservadores celebrouse cun aquel de exilio. Tras a chegada á Deputación de Pontevedra do Goberno de PSdeG e BNG o Goberno que encabeza Carmela Silva decidiu impedir a celebración de actos partidarios no Castelo de Soutomaior, vetando así pola vía dos feitos o escenario das primeiras edicións deste acto do PP. Así, dende Cotobade o presidente do partido na provincia pontevedresa e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, non aforrou críticas a Silva, "delegada de Caballero na provincia", entre augurios segundo os cales o de 2018 será o último "inicio do curso político" lonxe de Soutomaior. En 2019, asegura, o PP "recuperará" a Deputación e dende o goberno provincial autorizarase a si mesmo a facer mitins en Soutomaior.

O presidente da Xunta presenta o seu Goberno como referente "fronte o non ao turismo"

Os laios polo mal resultado municipal de 2015 -só obviados polo ourensán José Manuel Baltar- contrastaron coa enésima celebración pola vitoria nas eleccións galegas de hai un ano. A nova maioría absoluta do PPdeG, di Feijóo, tornou Galicia en "referente de estabilidade e responsabilidade" fronte aos "multipartitos inestables". Isto aconteceu, mantén, porque a Xunta logrou o "crecemento" económico e potenciar sectores como o turístico. É, proclamou, o partido que "fronte ao non ao diálogo, o non ao crecemento, o non ao turismo, o non a facer e o non a todo; contrapón un rotundo si". 

Rajoy e Feijóo, con Pastor, Rueda e Baltar no mitin de Cotobade CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.