Feijóo lembra as eleccións de hai un ano e di a BNG e PSdeG que representan a minorías

Feijóo minutos antes do inicio da sesión de control no Parlamento este mércores CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

O presidente identifícase coa CDU alemá de Merkel e Pontón dille que aprenda que alí “é esa dereita quen illa á extrema dereita” fronte aos acordos do PP con Vox en España

Dous días despois do aniversario das eleccións do 12 de xullo de 2020 nas que obtivo a súa cuarta maioría absoluta, o presidente Feijóo aproveitou este mércores a sesión de control no Parlamento para, en resposta a preguntas de BNG e PSdeG sobre as súas políticas para a mocidade ou para a reactivación económica, lembrar a súa vitoria e a derrota de nacionalistas e socialistas. Foi nun debate no que o presidente tamén se identificou coa CDU alemá de Merkel, ao que Pontón lle respondeu que aprenda que alí “é esa dereita quen illa á extrema dereita” fronte aos acordos do PP con Vox en España.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, diríxese a Feijóo durante a sesión de control deste 14 de xullo CC-BY-NC-SA BNG

Caballero pediu explicacións sobre as políticas de recuperación da Xunta e Feijóo respondeulle que "o seu modelo foi o último, o peor dos votados nas urnas”

Foi xa na súa primeira resposta á primeira pregunta da sesión, do portavoz do PSdeG, Gonzalo Caballero, cando Feijóo salientou que “esta semana fixo un ano das eleccións autonómicas” e engadiu en referencia ao socialista que “o seu modelo foi o último, o peor dos votados nas urnas”. “Non me pida que utilice o modelo que foi rexeitado nas urnas, o do PSdeG, pídame que siga traballando por Galicia e seguirei”, engadiu Feijóo. 

Na mesma liña respondeu minutos despois á portavoz do BNG, Ana Pontón, á que dixo que aos nacionalistas “só lles interesa ese país minoritario que vostedes representan, pero a min interésame a sociedade no seu conxunto”.

No debate con Pontón a nacionalista comparou as cifras de desemprego da poboación moza en Galicia coas de Alemaña, ao que Feijóo respondeu identificándose coa CDU, a Unión Demócrata Cristiana de Angela Merkel -no seu momento Manuel Fraga amosara a súa simpatía pola CSU, a Unión Social Cristiana de Baviera, onde non actúa a CDU-. “Agradezo moito que lle gusten as políticas da CDU alemana, do partido popular”, dixo Feijóo, para engadir que “sería bo” que o BNG “dedicara o día da patria a lembrar as políticas de Alemaña”. Algo despois engadiu: “Teña coidado coa constitución alemá, porque os partidos independentistas non poden estar no Parlamento”.

Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, intervindo na sesión de control deste 14 de xullo © Parlamento de Galicia

A resposta de Pontón ás referencias de Feijóo á política alemá foi dicirlle que “quen ten que aprender da dereita alemá é vostede e non nós, é esa dereita quen illa á extrema dereita”, dixo, fronte aos acordos do PP con Vox en varias administracións españolas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.