Feijóo nega que a Xunta realice purgas e acusa o PSdeG de non respectar a democracia por dicilo

Manifestación en Verín e acta na que sinala que responsables de Sanidade instaron a denunciar ao xinecólogo CC-BY-SA Praza Pública

“Vostede repite o mantra de que o resultado electoral todo o permite e eu lle pido calidade democrática”, di Caballero

O expediente aberto pola Consellería de Sanidade a Javier Castrillo, o xinecólogo que encabezou a revolta contra o peche hai un ano do paridoiro de Verín, non é un expediente senón unha “información previa” e a Xunta non instou á pediatra enfrontada con el a denuncialo malia que así o recoñeceu ela. Esa foi a resposta que deu sobre ese conflito este xoves o presidente Feijóo ao portavoz do PSdeG, Gonzalo Caballero, ao que dixo que “o problema dun político non é que minta, o problema é que nin sequera saiba cando está mentindo”.

Feijóo na sesión de control no Parlamento deste xoves CC-BY-SA Xunta de Galicia

“O problema dun político non é que minta, o problema é que nin sequera saiba cando está mentindo”, di Feijóo

Feijóo foi máis alá do caso de Verín e negou que o Goberno galego actúe nunca contra ninguén como vinganza, malia que diversas sentenzas xudiciais así o veñen reflectindo. “Falar de represalias, vinganzas e purgas nun Estado democrático é lamentable”, díxolle o presidente a Caballero, ao que engadiu que “podía non contestarlle, pero son demócrata porque son o presidente do goberno democrático de Galicia”. “Respecto esta Cámara aínda que vostede non a respecte”, sentenciou. 

"Había que expedientalos a vostedes por tentar pechar o paridoiro de Verín", di Caballero

Caballero acusara previamente a Feijóo de abrir o expediente contra o xinecólogo “cando había que expedientalos a vostedes por tentar pechar o paridoiro de Verín” e salientou que a rectificación obrigada pola sociedade daquel peche é o que “lle doe” ao presidente. “Vostede repite o mantra de que o resultado electoral todo o permite e eu lle pido calidade democrática”, reclamou o socialista.

Gonzalo Caballero amosa unha copia da acta na que a pediatra de Verín afirma que formulou a denuncia por indicación dos seus superiores CC-BY-NC-SA PSdeG

Pola súa banda, Feijóo cifrou en 20 os expedientes disciplinarios iniciados por Sanidade o ano pasado, pero deitou a súa responsabilidade nos seus instrutores, non nos cargos políticos da consellería. “Non entro nunca nos expedientes da inspección médica, nin sequera cando fun secretario xeral da consellería”, sentenciou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.