Feijóo presenta as estradas como “parte fundamental do estado de benestar” e minimiza o custo das peaxes en sombra

Inauguración en Santiago do congreso da Asociación Española de la Carretera, 'lobby' do sector CC-BY-SA Xunta de Galicia

O presidente inaugura un congreso sobre estradas gabándose de abrir 220 quilómetros de vías de altas prestacións “sen unha soa peaxe” malia que o pagamento adiado custará 760 euros a cada galego nos próximos anos

“As estradas forman parte fundamental do estado de benestar”. Así inaugurou este martes en Santiago o presidente Feijóo un congreso da Asociación Española de la Carretera, un lobby en defensa dese tipo de infraestruturas de comunicación. Na súa intervención o presidente Feijóo gabouse de poñer en servizo nos últimos anos 220 quilómetros de vías de altas prestacións “sen unha soa peaxe”, obviando que boa parte delas se construíron a través de concesións con peaxes en sombra polas que cada galego, use ou non esas estradas, terá que pagar nos próximos anos 760 euros.

Feijóo xustificou que a estradas forman parte do estado de benestar porque da súa correcta planificación e conservación dependen “a seguridade das persoas, a vertebración do territorio, a competitividade da economía e a calidade de vida dos cidadáns”. Por iso, reclamou aos expertos presentes que fagan unhas mellores estradas que contribúan ao progreso económico e propoñan un modelo de xestión, tanto a nivel estatal como autonómico, que garanta a equidade territorial, en velada referencia ás dispares peaxes que se pagan nuns ou noutros territorios. 

Pagamentos pendentes polas autovías con peaxe en sombra segundo o informe entregado polo Consello de Contas no Parlamento o 26 de xullo CC-BY-SA Praza Pública

Feijóo salientou a aposta da Xunta polas estradas "aínda no peor dos contextos económicos"

O presidente asegurou que “aínda no peor dos contextos económicos, Galicia definiu con claridade o seu modelo, avanzando na rede e poñendo en servizo 220 novos quilómetros de vías de altas prestacións sen unha soa peaxe”. Porén, boa parte desas novas estradas construíronse cun modelo de concesión a través dunha colaboración público-privada, que non sempre funcionou, no que as empresas executaron as vías e agora a Xunta irá pagándollas ao longo dos próximos anos en función dos vehículos que as empreguen ou da súa dispoñibilidade e mantemento. 

Malia que efectivamente esas novas vías de altas prestacións non teñen “unha soa peaxe” para o usuario, por elas a Xunta ten actualmente unha débeda pendente de máis de 2.000 millóns de euros, o que supón uns 760 euros por galego, segundo vén de reflectir un informe do Consello de Contas, que censura ese modelo de pagamento aprazado. O propio Feijóo, que como conselleiro de Fraga impulsou ese modelo nas autovías do Salnés e o Barbanza, chegou a criticalo para botarllo en cara hai uns meses ao bipartito de PSdeG e BNG que deixou de gobernar Galicia hai máis dunha década.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.