O debate sobre o financiamento autonómico e a reunión do venres entre o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o do Goberno de España, Pedro Sánchez, centraron este mércores a sesión de control ao Goberno galego no Parlamento de Galicia. Un debate que Rueda e os portavoces de BNG e PSdeG, Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro, empregaron para botarse en cara mutuamente a súa suposta e respectiva falta de independencia política, como se fosen marionetas de Alberto Núñez Feijóo, Pedro Sánchez ou o independentismo catalán.
Pontón critica que a Xunta desbote unha quita da súa debéda malia gastar máis en pagar esta "que en vivenda, dependencia ou investigación"
Pontón e Besteiro coincidiron en afear a Rueda que na reunión con Sánchez replicase os argumentos do PP "de Madrid" de Feijóo e non defendese un financiamento singular para Galicia en función das características e necesidades do país ou unha quita da débeda. "Gasta máis en pagar a débeda que en vivenda, dependencia ou investigación", dixo Pontón, que explicou que para os populares "España rompe" cando o PSOE necesita no Estado do apoio dos nacionalistas, pero non cando o fai o PP.
Besteiro lamenta que Rueda non defendese ante Sánchez un "financiamento singular" para Galicia senón que "apostou polo financiamento singular de Altri"
Pola súa banda, Besteiro lamentou que Rueda non defendeu ante Sánchez un "financiamento singular" para Galicia senón que "apostou polo financiamento singular de Altri".
Tras estas críticas, a nacionalista asegurou que na súa reunión con Sánchez o presidente da Xunta "levaba o uniforme de obediente militante do PP madrileño" e o socialista lamentou que se preocupara máis "de defender os intereses do seu partido e de Feijóo".
A resposta de Rueda a ambos foi similar. A Pontón díxolle que se defende un financiamento singular para Galicia é porque así lle interesa "aos seus xefes, os independentistas cataláns". "Está obsesionada con Feijóo, pero as eleccións xa llas gañei eu", engadiu o popular, que insistiu en dicir que Pontón ten "a obsesión de quedar ben cos seus xefes, os que mandan en Pedro Sánchez". E similares críticas lanzou o presidente da Xunta a Besteiro, ao que presentou como subordinado a "o seu xefe" Pedro Sánchez, do que dixo que o mandou a Galicia e non lle gustaría telo de volta en Madrid.
O presidente di que se a economía galega vai "razoablemente ben" é porque ten "un goberno unido, con rigor"
No debate Rueda tamén asegurou que a Galicia non lle interesa unha quita da súa débeda porque é das comunidades que menos ten, o que ao seu ver permitiu á Xunta aumentar o "gasto investidor". O presidente tirou de "sentidiño e realismo" para dicir que "se as cousas van razoablemente ben é porque hai un goberno unido, con rigor, que se toma en serio a xestión económica". "O contrario que o Goberno de Sánchez", sentenciou.