O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, elixiu a Cidade da Cultura en Santiago para presentar os candidatos en cada unha das capitais de provincia españolas nun acto onde a final do Mundial entre España e Arxentina centrou os discursos e onde a presenza na cidade compostelá —gobernada polo BNG— serviulle o líder dos populares para criticar os partidos nacionalistas e soberanistas que, segundo dixo, non queren que a selección española gañe a Copa do Mundo.
Feijóo fixo referencia á alcaldía de Santiago para denunciar que "hai alcaldes e alcaldesas de España" que están desexando que "España perda en fútbol e en todo"
"Todos queremos que gañe España, en fútbol e en todo, pero non creades que todos poden dicir o mesmo", dixo, tras facer referencia, precisamente, a Santiago e por extensión ao Bloque, formación á quen pertence a alcaldesa Goretti Sanmartín, partido do que dixo que é "socio de ERC e Bildu".
"Hai alcaldes e alcaldesas de España" de partidos con "poder de decisión" no Goberno central que están desexando que "perda España en fútbol e en todo", resumiu Feijóo. "Imos gañarlles. En fútbol e en todo", insistiu.
Así, Feijóo volveu tirar do fútbol para presumir dunha selección española que chegou á final do Mundial "porque xogou como un equipo: sen egos, sen poñelo todo ao servizo dunha persoa". "É unha lección para a política", dixo Feijóo, que pediu "decencia, servizo e ambición" aos seus candidatos municipais.
Rueda cargou tamén contra o BNG por presumir "de non sentirse parte deste gran país". “Temos o peor nacionalismo que hai, o independentista”, dixo
Ademais, asegurou que os comicios locais serán "a sentenza do sanchismo" que, segundo dixo, "xa foi condenado en todas as súa formas de corrupción".
Pola súa banda, o presidente da Xunta e líder do PP galego, Alfonso Rueda, cargou tamén contra o BNG e o nacionalismo galego por presumir "de non sentirse parte deste gran país". “Temos o peor nacionalismo que hai, o independentista”, engadiu.
O xefe do Executivo galego amosouse "moi orgulloso" dos sete candidatos populares ás cidades galegas, que reivindicou como os "sete magníficos". Referiuse, ademais, a cada candidato, comezando por reivindicar o papel de José Manuel Rey Varela en Ferrol, que “colleu unha cidade que necesitaba volver acender o motor e ilusionarse”.
Rueda gabou a "valentía" de Elena Candia pola moción de censura e "facer que Lugo reviva"
Pola súa banda, de Lugo puxo en valor a “valentía” de Elena Candia por, tras unha polémica moción de censura, asumir o reto de "non esperar a que chegasen as eleccións de 2027" para tomar as rendas da cidade, “facendo que Lugo reviva, cun ano por diante para demostrar o seu liderado”.
A Rafa Domínguez, candidato en Pontevedra, agradeceulle que volva a intentar ser o próximo alcalde da cidade, a pesar de terse quedado a pouca distancia nas últimas eleccións. “Esta vez si serás alcalde”, aseguroulle. Mentres que de Ourense referiuse ao “difícil reto” de Ana Méndez por decidir que a cidade “ten que saír do surrealismo no que está instalado”, para o que lidera un equipo “con gran impulso, que nos dará unha alegría en 2027”.
"Un goberno en descomposición"
Ademais, Rueda animou a Miguel Lorenzo, da Coruña, a “seguir loitando” pola súa cidade, agradecéndolle tamén que “non se desanimase por quedar a pouca distancia, collendo impulso”, asegurando que será o próximo alcalde. De Luisa Sánchez, en Vigo, valorou a súa “valentía e determinación” por asumir o reto “nunha cidade onde todo é moito máis complicado politicamente”, pero “non renunciamos a nada” e aseguroulle un “magnífico resultado”.
Por último, a Borja Verea, na capital galega, agradeceulle o seu liderado na oposición, fronte a unha lexislatura do BNG que ten “un goberno en descomposición, con política de dogmas, ideoloxía elevada ao infinito e xestión no subsuelo”.