O grupo de Rosón axita o taboleiro compostelán cunha "nova plataforma" para as municipais

Mercedes Rosón (segunda pola dereita), con Marta Álvarez, Mila Castro e Gonzalo Muíños, este 23 de xuño de 2026 nun hotel compostelán CC-BY-NC-SA Non Adscritas

Dous anos despois da súa expulsión do PSdeG tras apoiar a norma que completou o freo aos pisos turísticos malia a orde da dirección local do partido, o actual grupo de "non adscritas" anuncia un "novo proxecto libre, progresista e centrado nos intereses de Compostela"

Despexada a principal incógnita do taboleiro político compostelán cara ás eleccións municipais. O grupo de ex-edís do PSdeG encabezado por Mercedes Rosón estará nas papeletas de Santiago o 23 de maio de 2027 co que anuncian como unha "nova plataforma" que vén de axitar o panorama preelectoral da capital galega.

Na véspera do aniversario do pleno que desembocou na súa expulsión do PSdeG -apoiaron a norma do goberno local de BNG e CA para completar o freo a pisos turísticos, desouvindo as ordes da dirección local do partido-, Rosón ratifica o "xiro de guión" canda Gonzalo Muíños, Mila Castro e Marta Álvarez. Un "novo proxecto político" que, manteñen, será "libre, progresista, rigoroso e centrado exclusivamente nos intereses de Compostela".

Álvarez, Castro, Rosón e Muíños, anunciando a súa intención de concorrer ás municipais de 2027 CC-BY-NC-SA Non Adscritas

Aínda sen marca nin fórmula concreta de concorrencia, "as non adscritas" asegura quen que dan "o paso adiante por "coherencia e lealdade" coa veciñanza que apoiou "o proxecto político co que concorremos ás anteriores municipais", que "segue intacto. Esta vén ser unha das claves do movemento: aspiraren a captar bolsas de voto tradicionalmente socialista na cidade, mais tamén en terreos lindeiros dun espectro progresista que, agás acordos, tería catro siglas nas urnas: os gobernantes BNG e CA, o propio PSdeG e esta nova opción.

Rosón evoca históricos conflitos no PSOE santiagués para considerar que cómpre "desbotar dinámicas, moitas veces escuras, dos partidos" cun proxecto que, di, procurará "liderar o vindeiro goberno" 

Sostén Rosón que este ano lles serviu para decatárense de que "a democracia require de novas plataformas que desboten as dinámicas, moitas veces escuras, dos partidos políticos". Encadra a reflexión en acontecementos que remiten a conflitos practicamente históricos no PSOE local, máis obvios dende a perda do goberno por Xosé Sánchez Bugallo fronte ao PP de Conde Roa en 2011 e que, lembra a propia concelleira, propiciaron episodios como a súa propia dimisión como edil en 2014 tras perder as primarias pola candidatura á alcaldía fronte a Francisco Reyes.

Neste contexto, din, dispóñense a tentar "artellar o proxecto arredor dunha gran rede cidadá" que recolla "demandas ordinarias sobre vivenda, infraestrutura, seguridade nos barrios e investimentos no rural". A súa intención, sostéñen, é "non ser un simple árbitro", senón "alternativa real que lidere o vindeiro goberno de Santiago" fronte ao que consideran un goberno do BNG e Compostela Aberta "decepcionante" e unha "oposición desleal" e de "crispación" por "parte do PP e do PSOE oficial", din.

Preguntadas ao respecto, as integrantes do grupo liderado por Rosón deixan entrever que entre os seus plans non figura explorar confluencias con candidaturas xa existentes, caso de Compostela Aberta. Neste sentido pronunciábase pouco despois Movemento Sumar, que a través da súa secretaria de organización na cidade, Rocío Núñez, advirte dos riscos de "fragmentar o espazo progresista" "Queda tempo para sumar esforzos e construír unha proposta capaz de representar á ampla maioría progresista de Compostela", di.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.