Aceptar a axuda pública no canto de pedila: "A volta" ao sistema comeza nos comedores de Santiago

María Rozas e Alba Nogueira, flanqueadas por Andrei Quintiá e Beltran Puentes, na presentación do proxecto 'Axudas a un click' © Concello de Santiago

O Concello compostelán e o grupo de investigación Armela da USC lanzan un proxecto para "identificar de oficio as familias potencialmente beneficiarias" das bolsas de comedor e simplificar o proceso para as recibiren

Coñécese como non take up a circunstancia pola cal grupos de persoas que cumpren os requisitos para obter os beneficios de certas políticas ou axudas públicas non acceden a elas por descoñecérenas ou por non dar superado os atrancos para solicitalas. Un exceso de burocracia, complexidade dos procesos ou falta de destrezas dixitais conflúen, segundo diversos estudos, nun fenómeno que procura atallar Axudas a un click, o proxecto que busca "dar a volta" a un sistema para, en síntese, que a poboación teña que decidir se acepta un apoio público que encaixa coa súa situación no canto de pedila dende cero.

As bolsas de comedor escolar do Concello de Santiago van ser o escenario piloto deste proxecto, que desenvolve o grupo de investigación Armela da Universidade compostelá. A intención, detallan, é "inverter o procedemento habitual: o Concello sería proactivo para identificar de oficio as familias potencialmente beneficiarias" desta axuda para comedor, material e actividade escolares seguindo "un modelo similar ao do borrador da declaración da renda, que os contribuíntes só teñen que aceptar ou modificar", exemplifica a tenente da Alcaldía e edil de Dereitos Sociais, María Rozas.

Comer escolar nun colexio de Santiago, nunha imaxe de arquivo © Concello de Santiago

Armela aplicará o proxecto con "tres novidosas aplicacións". Comeza coa "precargar automática dos datos do padrón municipal e da información tributaria" das familias; ao tempo, "elimínase o papeleo" mediante "unha plataforma de intermediación de datos para acceder a documentos que xa posúe e que non sexan as familias as que teñan que achegalos" e "validación automática co centro escolar". Por último, especifican, "un redeseño integral do procedemento administrativo para que sexa facilmente realizable dende o teléfono móbil con apoio presencial".

A previsión é poder aplicar o novo modelo ás bolsas dende o curso 27-28 reducindo "un 80% o tempo medio de tramitación" e "garantindo que chegan a todas as familias que as precisan"

A catedrática de Dereito Administrativo Alba Nogueira, investigadora principal de Armela que codirixe o proxecto xunto a Beltrán Puentes, explica que o foco está en suprimir "os atrancos burocráticos que afectan especialmente ás persoas en situación de vulnerabilidade". A previsión do traballo é poder "reducir un 80% o tempo medio de tramitación das bolsas" e "garantir que a convocatoria chega a todas as familias que o precisan". 

O modelo de redeseño, estiman, sería posible aplicalo á convocatoria das bolsas do curso 27-28. Para facéreno, explican, ademais da colaboración entre o Concello e o grupo de investigación da universidade existe tamén ligazón coa Federación de Anpas Compostela.

Aula dun centro escolar compostelán, nunha imaxe de arquivo © Concello de Santiago

Sinala Rozas que con esta acción procuran complementar a "aposta orzamentaria" que, nos últimos anos, vén procurando "chegar ao maior número posible de familias". Neste sentido, salienta, as axudas municipais compostelás para os comedores escolares pasaron "en 10 anos, de 85.000 euros a 1,1 millóns, de maneira que temos 1.900 nenos e nenas beneficiarias dunha poboación de 3.500 menores de entre 3 e 12 anos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.