Pontón insta a Xunta a asumir o mantemento dos colexios e a xestión dos seus comedores

Mercedes Queixas, Ana Pontón e Avia Veira, na reunión con representantes das ANPAs na Coruña CC-BY-NC-SA BNG

Cabo do CEIP de Prácticas da Coruña, un dos colexios máis mobilizados pola grave deterioración e os diversos problemas nas súas infraestruturas, a portavoz do BNG, Ana Pontón, defendeu que sexa a Xunta quen "asuma integralmente" a rehabilitación de todos os centros públicos "na vez de delegar nos concellos, que non teñen esa competencia". 

Pontón pide que sexa a Xunta quen "asuma integralmente" a rehabilitación dos centros públicos "na vez de delegar nos concellos, que non teñen esa competencia"

A líder nacionalista sumouse así ao debate aberto nos últimos meses e encirrado hai pouco polo Concello da Coruña, cando nun detallado informe —e tras as críticas pola falta das necesarias obras en moitos centros educativos da cidade— sinalou a Xunta polo seu desleixo e apuntou á necesidade de reformular un modelo que delega nos municipios un lote de competencias do ámbito educativo, como o mantemento básico dos colexios, e obriga moitas administracións locais a asumir labores que non se inclúen entre os seus cometidos. 

Manifestación polo ensino público, o pasado 28 de febreiro, na Coruña CC-BY-SA Federación de ANPAs

Respecto, precisamente, das eivas denunciadas por moitos colexios da Coruña e da provincia, Pontón lembrou as manifestacións da cidadanía coruñesa en defensa do ensino público e destacou que a situación en moitos casos é “lamentable”. "Non é decente politicamente”, dixo, que haxa "aulas con goteiras" e centros educativos con “problemas estruturais moi graves” en pleno século XXI, "sen que o goberno de Alfonso Rueda ofreza ningunha solución".

A líder do BNG denuncia a "lamentable" situación de moitos colexios e critica a Xunta por "non mover un dedo"

Tras unha reunión con representantes das ANPAS e da Federación Provincial de centros públicos da Coruña para analizar a "preocupante situación" na que di se atopa a educación pública na cidade, e na que tamén participaron a concelleira Avia Veira e a deputada Mercedes Queixas, Pontón dixo estar "convencida de que se no despacho do conselleiro houbese goteiras, estas serían arranxadas inmediatamente”. 

Así, criticou a Xunta por "non mover un dedo” para resolver a situación de deterioro na que se atopan moitos centros da Coruña e doutros puntos de Galicia. “É unha indecencia e é impresentable porque a mellor achega que podemos facer como sociedade, o mellor investimento que podemos realizar, é unha educación de calidade para os nosos fillos e fillas e iso empeza en primeiro lugar polas instalacións”, sintetizou.  

Plan de mantemento e mellora

Pontón defendeu unha das propostas que o BNG vai levar ao Parlamento en materia de educación para desenvolver un plan de mantemento e mellora dos centros de ensino, que parta da análise previa das necesidades de cada infraestrutura, dado que moitos dos centros teñen xa 40 ou 50 anos e “levan moito tempo sen ter ningún tipo de obra nin rehabilitación integral”, incidiu Pontón, que pediu á Xunta que active xa estas actuacións. 

Ademais, pediu ao Goberno galego que asuma "integralmente" a rehabilitación de todos os centros en lugar de delegar nos concellos que, advertiu, están afrontando "unha competencia que non é súa, o que en moitos casos provoca ademais diferenzas de criterio que acaban derivando en que os problemas non se acaben arranxando".

Ana Pontón e cargos do BNG da Coruña, na reunión con representantes das ANPAs CC-BY-NC-SA BNG

“Nós o que entendemos é que as competencias educativas son da Xunta, que debe asumilas ao 100%, e, polo tanto, que os concellos non deberían seguir asumindo unha parte do mantemento dos centros, senón que o debe facer a propia Xunta”, resumiu.   

"As competencias educativas son da Xunta, que debe asumilas ao 100%", di Pontón, que insta a que o Goberno galego asuma o mantemento e a xestión dos comedores dos centros

Tamén respecto das competencias, Pontón puxo o foco nos comedores escolares, “unha parte fundamental do sistema educativo”, e reclamou ao Goberno galego que poña en marcha un plan para que todos os de Galicia sexan xestionados directamente pola Xunta, "en lugar de recargar as súas responsabilidades sobre as ANPAS e os municipios", tal e como acontece hoxe en día e como foi relatado nesta reportaxe en Praza.gal

Comedor escolar nun centro educativo en Galicia © Anpa CPI Camiño de Santiago

Ten que garantir, alegou, un “servizo en igualdade para todo o alumnado”, dado que este xoga ademais un "papel fundamental para a conciliación da vida persoal e laboral".

10 millóns para contratar persoal para a atención á diversidade

Por outra banda, Pontón tamén propuxo un plan de reforzo para a atención á diversidade dotado con 10 millóns de euros para contratar o persoal de apoio necesario para "garantir que todo o alumnado con necesidades educativas especiais teña a atención que merece".

A líder do Bloque lamentou que o goberno do PP teña a nais e pais con nenos e nenas con necesidades educativas especiais “tendo que mendigar o dereito dos seus fillos a ter unha educación de calidade e inclusiva”, polo que defendeu a urxencia de poñer en marcha o plan de reforzo proposto pola súa formación.

“O sistema educativo q sofre 17 anos de recortes dun PP que está escatimando o público mentres incrementa os fondos que destina ao ensino privado"

“Porque unha educación inclusiva non é simplemente poñer a nenos e nenas con necesidades educativas especiais na mesma aula, é atender a cada unha destas persoas conforme ao que necesitan”, remarcou, para advertir a continuación que existen “lagoas moi importantes” no sistema educativo que “están rabenando o dereito a un ensino inclusivo” que non discrimine as persoas en función das súas capacidades ou da súa situación persoal.

Por último, Pontón contrapuxo as alternativas do BNG á "incapacidade" da Xunta para solucionar os problemas da educación, tal e como exemplificou na falta e sobrecarga do profesorado, nas deficiencias das instalacións dos centros e na desatención á diversidade, na Coruña e en toda Galicia.

“Temos un sistema educativo que sofre 17 anos de recortes dun Partido Popular que está escatimando o público mentres incrementa os fondos que destina ao ensino privado e que, ademais, está deixando atrás a moitos nenos e nenas do noso país que necesitan un sistema educativo que realmente sexa inclusivo”, concluíu.  

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.