O ex-alcalde Ángel Mato e a ex-edil Eva Martínez competirán pola candidatura ferrolá o 19 de xullo
O prazo de presentación de candidaturas para as primarias municipais do PSdeG finaliza sen sobresaltos. Dos oito concellos atinxidos -núcleos de maior poboación onde non goberna- segundo a relación feita pública pola Executiva Federal do PSOE só nun deles, Ferrol, a militancia estará chamada ás urnas o vindeiro 19 de xullo, a cidade de Ferrol. No resto, ao existir unha soa candidatura, as cabezas de cartel xa teñen nomes, que se unirán aos da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e do rexedor de Vigo, Abel Caballero.
O ex-alcalde, actual voceiro municipal e secretario local do partido, Ángel Mato, confirmaba este venres a súa intención de volver optar a ser cabeza de lista ferrolán. Ratificaba así a votación toda vez que, xa dende finais de maio, a ex-concelleira Eva Martínez Montero evidenciara que optaría a ser candidata en 2027.
Alén das primarias ferrolás, entre as sete principais cidades unha das principais novidades é a de Santiago, un dos territorios actualmente máis delicados para o partido, toda vez que na que fora unha das súas prazas fortes en Galicia contan actualmente con só dous representantes tras a expulsión dos catro edís do grupo liderado por Mercedes Rosón, que pola súa banda xa anunciou que concorrerá cunha nova formación. Desta volta a aposta en Compostela será Pedro Blanco, actual delegado do Goberno de España en Galicia.
En Santiago estrearase o delegado do Goberno de España, Pedro Blanco; e en Lugo o ex-alcalde Miguel Fernández procurará recuperar nas urnas o posto perdido pola moción de censura do PP cunha tránsfuga
Blanco evoca un tempo no que Compostela era "exemplo a seguir" para contrastalo cunha actualidade no que, considera, "perdeu folgos". El, di, vese preparado para conseguir que "Santiago volva ser unha cidade que lidere". Alén da rifada pugna electoral, un dos seus primeiros retos será interno.
Tamén en Lugo o PSdeG estreará cabeza de cartel, pero nunhas circunstancias ben diferentes. Miguel Fernández, alcalde ata o pasado 7 de maio, cando foi desbancado do cargo pola moción de censura do PP cunha tránsfuga ex-socialista, ve na súa confirmación como candidato o "primeiro paso para recuperar a alcaldía", que ao seu xuízo é tanto como "recuperar un modelo de cidade que demostrou con feitos que era capaz de transformar Lugo".
"Sinto o cariño e a confianza de moita xente e iso dálle aínda máis forza a este paso", sostén Fernández en referencia ao "apoio reecibido" tras a censura que situou a popular Elena Candia no poder. Remuda así na candidatura á ex-alcaldesa Lara Méndez, que a principios de 2024 renunciou ao cargo para concorrer ás eleccións galegas sendo remudada por Paula Alvarellos, falecida en 2025.
Natalia González renova o cartel en Ourense e en Pontevedra recunca Iván Puentes
O cartel electoral socialista tamén muda de rostro en Ourense. Natalia González, actual voceira municipal, di marcase o principal reto de "recuperar algo que se foi perdendo aos poucos" na política da cidade, "a confianza". "A nosa cidade", sostén nunha comunicación á militancia socialista, "merece reecuperar a ilusión, a estabilidade e a confianza".
Onde repetirán candidatura os socialistas é en Pontevedra. Iván Puentes volverá encabezar a lista do PSdeG e, tras rexistrarse como aspirante, sinala que fican por diante "once meses para falar, explicar e recoller as mellores proposta para soñar e facer realidade unha cidade mellor". Di verse en condicións de acadar un notable crecemento electoral.
Alén das principais cidades, este proceso tamén pecha as candidaturas noutros tres concellos onde o PSdeG non goberno e onde a militancia, do mesmo xeito, non terá que ser chamada ás urnas o día 19. En Narón recunca Jorge Ulla, actual voceiro qeu xa foi candidato en 2023. En Oleiros o candidato será Jesús Fernández, número dous nas anteriores municipais. E en Ponteareas o PSdeG terá á fronte a Vanesa Fernández, líder e voceira local do partido.
Concellos con alcaldías socialistas
Esta fase de ratificación de aspirantes culmina, asemade, os procesos nos concellos con máis de 20.000 habitantes que xa teñen na actualidade alcaldías do PSdeG. Así, a Comisión Nacional de Ética dos socialistas galegos deixou formalizadas as candidaturas de Abel Caballero en Vigo; Inés Rey na Coruña; Alberto Varela en Vilagarcía; Blas García en Ames; José Ramón Riobóo en Culleredo e Digna Rivas en Redondela.