Avia Veira (A Coruña, 1986) estrearase en 2027 como candidata do BNG á alcaldía da Coruña tras dous mandatos na corporación. Esgrime políticas municipais acadadas mediante pactos co actual goberno do PSdeG en minoría como mostra da, ao seu xuízo, necesidade dun medre do Bloque que lle permita afrontar "en serio" e como "prioridades" cuestións como a vivenda, a mobilidade ou a mellora dos barrios. Ela, mantén, vese en condicións de facelo dende a Alcaldía.
Leva dous mandatos como número dous da candidatura municipal do BNG na Coruña e como concelleira. Máis alá da razón obvia da retirada de Francisco Jorquera da primeira liña política, que foi o que a impulsou a optar a ser cabeza de lista nas vindeiras municipais?
Que teño moitas ganas de que o BNG chegue á Alcaldía da Coruña. E que teño moi claro o que necesita a cidade da Coruña, o que queremos para a cidade da Coruña. E que A Coruña precisa un cambio, un cambio a mellor. Iso foi o que me impulsou; a necesidade que vexo de que a Coruña estea mellor gobernada. Síntome preparada, con moitas ganas e con moita ilusión.
Nestes dous mandatos o BNG chegou a diferentes pactos co goberno do PSdeG en minoría. Que balance fan? Houbo diferentes fases; de celebración de cumprimentos e tamén de reproches por incumprimentos...
O diálogo en política é fundamental. Sobre ese principio, chegamos aos acordos co PSdeG. Que pasa? Que algúns se cumpriron, outros non se cumpriron, outros cumpríronse pero sen moito interese ou profundidade. Esa irregularidade é algo que nos consideramos que é negativo, evidentemente. Por iso non chegamos a un acordo de orzamentos en 2025, porque se non se cumpren os acordos hai que facelo constar e que o goberno local se entere de que son importantes porque perseguen que a cidade vaia mellor. Pensemos por que no seu día puxemos a Ordenanza de Vivendas de Uso Turístico: puxémola porque hai un problema de vivenda na cidade, hai un aumento excesivo das vivendas de uso turístico e consideramos que hai que impulsar a ordenanza. O goberno municipal non activou esa cuestión hasta que nos puxemos firmes. Ese tamén é un motivo polo que queremos chegar á Alcaldía da Coruña, porque o que vemos é que o Partido Socialista, en moitas ocasións, os pactos de investidura ou os pactos de orzamentos non os toma realmente en serio. E para que a vivenda sexa unha prioridade, para que a mobilidade sexa unha prioridade, para que os barrios sexan unha prioridade ou a cultura sexa unha prioridade o que se precisa é un goberno que tome esas políticas en serio.
Referíase á vivenda e a esa ordenanza sobre os pisos turísticos. Tamén foi aprobada neste mandato a declaración de zona tensionada e os datos din, nos primeiros avances, que pode estar habendo unha certa contención nos prezos dos alugueiros. En todo caso, que máis pode facer o Concello dentro dunha competencia que en gran medida está en mas da Xunta e mesmo do Estado, que máis marxe ten o goberno local para abordar o que se pode dicir que é actualmente o gran problema?
"A bolsa de vivendas municipais ten que medrar para atender a moita xente con ese problema, non é só xente en exclusión social"
O bo é que o Concello xa ten un instrumento, que é a Empresa Municipal de Vivenda, EMVSA. Nós sempre dixemos que tiña que esa "Empresa de Municipal de Vivenda, Servizos de Actividades" tiña que deixar de ser tanto de servizos e actividades para centrarse máis en ser unha Empresa de Vivenda. Cremos que ten que procurar aumentar a bolsa de vivendas municipais, onde hai vivendas que son propiedade do Concello e que se alugan para poñelas a disposición da xente que máis o precisa. Esa bolsa ten que medrar para atender aos problemas que xa ten moita máis xente, que non é só xente en exclusión social. Ten que dar unha alternativa a moita máis xente con problemas de vivenda; que é a xente nova, pero tamén xente de 30 a 40 anos con moitas dificultades para poder vivir só, formar unha familia ou facer a vida que queira. Ou unha persoa de 50 ou 60 anos que se separa e non ten maneira de ir vivir soa porque os prezos son imposíbeis malia esa contención de prezos que provocou a zona tensionada. Esa bolsa de vivendas é importantísima pero tamén unha cousa que hai pouco, foi a alcaldesa a inaugurar, pero que non xa propuxemos no acordo de investidura e no acordo de orzamentos, que é a oficina de atención ás persoas en materia de vivenda. Por que? Porque todas e todos podemos ter na cabeza casos de abusos de caseiros a persoas alugadas. A administración tamén ten que estar para que a xente poida facer valer os seus dereitos e teña información sobre o que é legal e o que non é legal; é moi importante que esa oficina non só abra, senón que se impulse, que a xente a coñeza e teña recursos suficientes. E despois está o tema do control das vivendas de uso turístico, que tamén é tarefa municipal. Estivo moi ben a Ordenanza Municipal de Vivendas de Uso Turístico que daba un prazo para regularización, dicía onde se podían poñer... Pero tamén implica un control e non vemos que haxa ese control. E tamén vemos con preocupación esa faceta da Xunta de non favorecer que se cumpran as ordenanzas municipais e dá de alta vivendas que están fora totalmente da normativa local.
Falaba tamén antes de mobilidade e transporte. Entre os avances dos últimos anos na cidade posiblemente o máis visible sexa no uso da bicicleta, un cambio de hábitos e mesmo xa cultural. E está a gran cuestión da concesión dos autobuses. Máis alá de cada modo de transporte concreto, unha das grandes materias pendentes da Coruña segue sendo diminuír máis o coche privado na cidade?
"Hai que sacar de vez os pregos e as novas liñas de bus para corrixir uns horarios que non van acompasados en absoluto coas necesidades da xente"
E é un reto e creo que temos exemplos en moitos concellos do país do noso compromiso para mellorar o espazo público, para democratizalo, para que cando vas andando polas rúas teñas espazo suficiente para camiñar, que non tropeces porque as beirarrúas están feitas un desastre e gañar espazo para as persoas. O BNG é exemplo disto en moitos concellos do país: Pontevedra, Allariz, Lugo... O espazo público ten que ser para xente e iso implica, efectivamente, que desprazar o coche a aqueles desprazamentos nos que sexa estritamente necesarios. Que pasa? Que na Coruña hai que dar alternativa á xente tamén a través do transporte público. É xa unha demanda de todos os barrios: Agra, Mallos, Sagrada, Barrio das Flores, Xuxán, Monte Alto, dá igual o barrio do que fales, en todos hai demandas en materia de transporte público. O que hai que facer é sacar dunha vez os pregos, sacar dunha vez as novas liñas que melloren todos eses problemas de mobilidade que ten a xente. E corrixir uns horarios que non van acompasados en absoluto coas necesidades da xente. Pensemos nunha persoa que entra a traballar ás sete e media da maña e non ten bus para ir, ou que sae ás once e tampouco ten bus para volver. Ou para o ocio, para ir ao Dépor, para ir a un concerto ou para os festivais que pode haber na cidade. O que non pode ser é que de Monte Alto para ir ao [Hospital] Materno a [liña] 7 e che pase cada media hora ou cada 40 minutos, porque é imposible así ir ao Materno en bus e que a xente entenda que pode deixar o coche na casa. E sobre Bicicoruña, que comentaba, evidentemente houbo unha explosión; foi unha boa política, diso non cabe ningunha dúbida, pero hai moitas cousas que mellorar para melloralo, que non morra de éxito e siga esa progresión positiva. Que se corrixan cuestións que todo mundo ve: que as bicis eléctricas se concentran no centro, que faltan en determinadas horas punta...
Esta cuestión da mobilidade é algo que tamén transcende o Concello. A cuestión metropolitana, a área metropolitana, segue sendo a gran cuestión? Supoñamos que mellora moito o transporte público na cidade: seguiría habendo unha contorna con moitas persoas que entran e saen a diario...
Si, hai unha tarefa pendente dependente da Xunta de Galiza, que o bus metropolitano tal e como está funcionando non acaba de servir para que a xente deixe o coche na casa. Tamén é fundamental que haxa tamén tren de proximidade e aí o BNG sempre puxo esta cuestión enriba da a mesa nos pactos de investidura do Estado e se hoxe hai algunha posibilidade é porque o BNG o puxo nese pacto. Despois está a cuestión do transporte marítimo, porque somos unha cidade que ten mar, que pode estar conectada con outros concellos que teñen mar e non teñen, por exemplo, tren de proximidade, como pode ser o caso de Oleiros. Fai falta un compromiso para iniciar esa área metropolitana que pode ter a figura de área metropolitana ou podemos ir empezando pola autoridade única de transportes, por exemplo, que podería axudar a ter unha cidade con menos coches circulando e incide directamente no benestar da xente, porque ninguén se mete nunha atasco voluntariamente, ninguén quere vivir atascada en Alfonso Molina ou na Ponte da Pasaxe.
As eleccións municipais de 2027 vanse celebrar nun contexto xeral no que se fala dunha vaga reaccionaria global, desa internacional reaccionaria con variantes en cada lugar. Pensan que existe risco de que a nivel local e galego poida reflectirse isto dende un medre de forzas de extrema dereita ata nunha alza do PP que poida poñer en risco maiorías progresistas que, con diferentes equilibrios, levan vixentes varios mandatos como na Coruña?
"A Coruña é unha cidade progresista, de esquerdas; houbo catro anos de mandato do PP froito dun contexto xeral de crise e non se vai volver repetir"
Cando falo disto coa xente o que di e o que sente que A Coruña é unha cidade progresista, unha cidade de esquerdas. E eu creo que é isto é así. Houbo catro anos de mandato do Partido Popular froito dun contexto xeral de crise económica e institucional pero creo que non se vai volver repetir. En todo caso, penso que esa vaga reaccionaria ten tamén moito que ver con que a política, ás veces, non mira cara ás necesidades da xente. Cando a política se centra en resolver os problemas da xente os resultados son distintos, pero cando se converte nun circo de insultos, de chulería, de calquera cousa menos do que lle pasa á xente, acaban pasando estas cousas.
Nas últimas eleccións galegas na Coruña estivo algún dos barrios con máis apoio ao BNG de todo o país. Novo Mesoiro, por exemplo, foi un dos lugares onde máis se botou ao BNG de toda Galicia. Tiraron algunha ensinanza, algunha lección sobre que mensaxes os axudaron para seguir medrando? Se cadra responde a un retrato robot que ao mellor noutro momento non estaba moi asociado ao Bloque...
Nós aspiramos a que, independentemente do que votase noutras eleccións municipais, explicar á xente que se quere que cambie algo na cidade da Coruña, hai que votar algo distinto. Se lle falas a Novo Mesoiro, por exemplo, de que vas responder aos seus problemas de mobilidade porque teñen un só bus que pasa cada moitísimo tempo e que non serve para ir traballar; se lles dis: si, é verdade, fáltache unha biblioteca e nós comprometémonos a facela; si, tes estas carencias e comprometémonos... A xente acaba vendo con bos ollos a túa opción política.