"Dentro de once meses Lugo fará historia e demostrará a súa dignidade apostando por un goberno liderado polo BNG", augura Ana Pontón
Se algún consenso existe arestora na política municipal lucense é que, oficiosamente, a precampaña para as eleccións municipais do 23 de maio de 2027 comezou o pasado 7 de maio de 2026. No momento en que o PP conseguiu investir alcaldesa a Elena Candia xuntando os seus votos nunha moción de censura co da tránsfuga ex-socialista María Reigosa para desbancar o goberno de PSdeG e BNG.
Quen por mor da censura tiveron que abandonar o goberno procuraron dende o inicio debuxar o escenario coma o dunha conta atrás para os populares. As urnas, auguran, debuxarán a oitava maioría absoluta de esquerdas consecutivas na cidade. Alén disto, cada formación transita o seu camiño e o BNG local vén de ratificar o seu: lanzar a candidatura de Rubén Arroxo, actual voceiro municipal e ata maio tenente da Alcaldía, coa esperanza de acadaren o bastón de mando e, din, devolver a "dignidade" ao Concello tras unha Candia "de paso".
"Permitídeme que vos faga un prognóstico con total convencemento: dentro de once meses e trece días Lugo fará historia e demostrará a súa dignidade apostando por un goberno liderado polo BNG, con Rubén Arroxo como alcalde", afirmou este pasado mércores Ana Pontón no mitin de presentación da candidatura, ratificada a finais de maio pola asemblea local nacionalista. "Temos o mellor proxecto para construír un Lugo en grande e por iso imos a por todas", resume a portavoz nacional da formación.
O Bloque chama a contrastar "a estabilidade, a seriedade e o rigor" que, di, achegou ao goberno municipal co "pacto das trapalleiras", en referencia á moción de censura do PP local coa tránsfuga ex-socialista María Reigosa
Arroxo, sostén Pontón, está "máis preparado ca nunca" e ten como principais credenciais "a estabilidade, a seriedade e o rigor que o Bloque achegou" ao goberno municipal "demostrando compromiso claro e rotundo". Cómpre contrastar, advirten, con "quen se presentou e ao cabo duns meses deu a espantada para Santiago, deixando un caos no seu partido que acabou como acabou" -en referencia á socialista Lara Méndez- e sobre todo con Candia, que "chegou como chegou" á alcaldía e "só quere usar Lugo para a súa ambición persoal, dálle igual Lugo ca Mondoñedo, o único que lle preocupa é a súa carreira política".
Ante o palco da música da Praza Maior dende o que, evocou o BNG local, Alexandre Bóveda chamara polo voto ao primeiro Estatuto galego en 1936, Pontón evocou accións da formación frontista no Concello lucense en materias como "mobilidade urbana baseada na humanización" ou "unha rica e variedade actividade cultural". Accións, ironizou Arroxo, que nin o propio PP foi quen de reprochar cando enumerou motivos para xustificar a súa moción de censura. En verbas do candidato, "pacto das trapalleiras" que ao seu xuízo contrasta coas promesas cumpridas polo BNG e co sentir popular segundo o cal "a palabra dada é o que máis vale".
Candia, en calquera caso, cre Arroxo "sabe" que Lugo "para ela é só unha zona de paso". Por iso, cre, nin lle "importou presentarse como candidata" en 2023 "cando estaba censada noutro concello". E volverá ficar demostrado, considera, cando "en once meses recuperemos a dignidade de Lugo". Porque Arroxo, enxalza Pontón, "non ve na Alcaldía unha carreira persoal, senón un medio para traballar polo Concello". "O BNG foi o auténtico motor de transformación de Lugo e agora estamos preparadas para liderar esta cidade", afirma.