Os populares equiparan co delito de enaltecemento do terrorismo a instalación de esculturas en homenaxe ao militante da UPG asasinado pola policía da ditadura en 1975, recoñecido polo Estado como vítima do franquismo hai case dúas décadas
O enaltecemento do terrorismo é un delito tipificado no Código Penal, que o castiga con entre 1 e 3 anos de prisión. O PP disponse a aprobar no Parlamento dúas iniciativas que relacionan coa comisión desta conduta delituosa as homenaxes públicas a Moncho Reboiras, militante da Unión do Povo Galego asasinado aos 25 anos en Ferrol pola policía da ditadura o 12 de agosto de 1975, recoñecido oficialmente dende hai case dúas décadas como vítima do franquismo polo Goberno de España, que tamén inclúe a súa figura no expediente para declarar a cidade ferrolá como Lugar de Memoria.
Coa precampaña municipal como pano de fondo, os populares galegos soben dende hai semanas o ton das súas censuras aos recoñecementos públicos a Reboiras. Concretamente á instalación en espazos públicos de esculturas na súa memoria, promovida polo 50 aniversario do asasinato polas fundacións Moncho Reboiras e Terra e Tempo co apoio da UPG na que militou, do BNG ou da CIG, entre outras entidades. Queren que a Xunta promova a súa retirada establecendo esa ligazón cun tipo penal.
A presión comezou por Santiago, onde a escultura de homenaxe a Reboiras foi inaugurada o pasado abril, e esténdese agora cara a Lugo e Arzúa a través do Parlamento. As dúas iniciativas, asinadas por unha ducia de deputados encabezados pola secretaria xeral da formación, Paula Prado, apelan á "neutralidade institucional do espazo público" para, a continuación, atribuír a Reboiras "unha serie de actuacións violentas en Galicia con finalidade terrorista no primeiro lustro da década de 1970", sen mención ningunha á ditadura.
A proposición, que ten garantida a súa aprobación, pide ao Goberno galego que se dirixa aos concellos de Santiago, Lugo e Arzúa para que "retiren da vía pública" as homenaxes a Reboiras promovidas polas fundacións Moncho Reboiras e Terra e Tempo
O franquismo tampouco figura ao referírense á sinatura pola UPG da Carta de Brest (1972) e a que Moncho Reboiras "iniciou contactos con outros partidos independentistas extremistas do resto de Europa e as súas ramas armadas, entre as que se atopaba ETA". Conclúen o argumento apuntando ao BNG para afirmar que "non se pode dicir que se condenan" os "actos terroristas" -como aprobou recentemente o propio Parlamento por unanimidade- e "erixirlle unha estatua a quen os comete, a Moncho Reboiras".
Segundo o PP, "o que máis doe e indigna ás vítimas do terrorismo é ver como se pretende transformar en exemplo político a quen estivo vinculado a dinámicas de confrontación e violencia". "En ningún caso é posible defender o terrorismo no suposto nome da democracia nin argumentar que estivo dirixido contra unha ditadura como eximente para vitimizar e martirizar" a quen descualifican como "terrorista" sen mencionar, ao tempo, que foi asasinado.
Sobre estas premisas, a parte dispositiva da proposición implica que o Parlamento se dirixa á Xunta "para que demande aos concellos de Santiago, Lugo e Arzúa que retiren da vía pública a estatua, monólito e busto en homenaxe a Moncho Reboiras por constituír un símbolo de enaltecemento da violencia terrorista". A súa aprobación está garantida pola maioría absoluta do PP, aínda que se trata dunha declaración política non vinculante.
Os populares formúlana deste xeito -pedir á Xunta que demande aos concellos- porque o Goberno galego carece de competencias para decidir sobre a retirada dunha escultura na vía pública dun determinado municipio. Neste sentido, arestora só terían vía libre para aplicar a petición en Lugo, grazas a controlaren o goberno local dende a moción de censura que converten en alcaldesa a Elena Candia grazas ao voto da tránsfuga ex-socialista María Reigosa.
Alén desa petición de retirada din buscar "reafirmar" a "neutralidade política do viario público" e a devandita condena do terrorismo. A proposición finaliza "reprobando o Goberno local de Santiago e á súa alcaldesa, por promocionar ou permitir a simboloxía que incorra en apoloxía, branqueamento ou enaltecemento do terrorismo".