Tal día coma hoxe de hai 45 anos, o 12 de agosto de 1975, a policía da ditadura asasinaba na ferrolá rúa da Terra a Xosé Ramón Reboiras Noia, Moncho Reboiras. A Unión do Povo Galego (UPG), o partido que militaba na clandestinidade e tamén o Movemento Galego ao Socialismo (MGS), ambos integrados actualmente no BNG, lembraron homenaxeron este mércores a memoria de Reboiras nunha xornada na que ve a luz o primeiro documental sobre a súa figura, dirixido por Alberte Mera.
Reboiras tiña apenas 25 anos cando a policía franquista o matou. A UPG, partido no que militaba, evoca o seu "labor esencial na loita política"
Reboiras tiña apenas 25 anos cando a policía franquista o matou. Era membro da UPG dende os 19 anos, lembra o partido, que este neste 2020 eloxia o seu "labor esencial na loita política, no combate ideolóxico, na axitación e, especialmente, na autoorganización do pobo galego". Así, destacan, impulsou diversos colectivos culturais, publicacións e actividades que combinaba coa súa militancia antifranquista.
Obreiro do estaleiro Barreras, en Cerámicas Álvarez ou na coruñesa Intelsa, a UPG evoca tamén a Reboiras como "peza fundamental na constitución do Sindicato Obreiro Galego", así como no impulso "das primeiras células de ERGA" (Estudantes Revolucionarios Galegos). Corenta e cinco anos despois do seu asasinato, resaltan, "recollemos o seu exemplo e proclamamos a nosa fidelidade á causa da independencia nacional da Galiza, á que o noso camarada entregou a súa vida".
Como cada ano, Ferrol acolleu os actos de homenaxe organizados pola UPG e o MGS celebrou o seu no cemiterio de Imo (Ferrol), parroquia natal de Reboiras. Alí, a formación sinalouno como "exemplo de militancia ata as súas últimas consecuencias" e resaltou a "vixencia das súas ideas de liberación e a necesidade de contar con organizacións fortes en todos os ámbitos" para "articular o movemento nacional e popular".
'Reboiras, acción e corazón'
Entre os actos programados pola UPG neste 12 de agosto incluíuse tamén a estrea, no ferrolán cinema Dúplex, do documental Reboiras, acción e corazón. Dirixido por Alberte Mera, a longametraxe foi preestreada en Dodro e pretende ser "un relato fiel" que reconstrúa a vida de Reboiras "dende a vertente humana e política", combinando secuencias de ficción con imaxes históricas.
Un total de vinte e oito testemuñas, recreacións de momentos "clave" da súa vida e outros materiais de investigación, trazan un retrato dun mozo de quen a ditadura coñecía as súas "grandes habilidades para impulsar as organizacións de masas do nacionalismo galego". "Mais o propio Moncho -subliña a presentación do filme- tamén era consciente da crueldade do réxime e do perigo que el mesmo afrontaba".