Xosé Humberto Baena, militante antifranquista e último executado polo réxime ditatorial o 27 de setembro de 1975, terá unha rúa en Vigo, no barrio de Lavadores onde viviu. Así o asegurou a súa irmá, Flor Baena, logo da reunión mantida o pasado martes co alcalde da cidade, Abel Caballero, segundo conta Atlántico Diario.
Os vigueses Humberto Baena e José Luis Sánchez-Bravo, dous dos cinco últimos fusilados polo franquismo, serán homenaxeados polo Concello, que prevé tamén dedicarlle dúas rúas
A promesa á familia de Baena chegou logo de que o Concello se reunise coa irmá do asasinado e máis coa irmá e o sobriño de José Luis Sánchez-Bravo, tamén vigués e outros dos militantes antifascistas asasinados polo réxime de Franco naquel día no que se aplicou por última vez a pena de morte en España. Tamén para el se estudará a posibilidade de dedicarlle unha rúa no mesmo barrio, segundo indican os familiares nun comunicado.
Ambos, Humberto e José Luis, serán homenaxeados polo Concello de Vigo coa futura instalacións de placas conmemorativas, así como coa elaboración dunha declaración institucional coa que se pretende rehabilitar a memoria dos dous mozos.
Na súa conversa con Caballero, Flor Baena reclamou tamén ao alcalde que intercedese coa ministra de Educación, Milagros Tolón, para que as vítimas dos últimos anos do réxime franquista aparezan nos libros de texto educativos e a súa historia sexa explicada aos máis pequenos.
A familia de Moncho Reboiras incorpora o seu asasinato pola policía franquista á querela arxentina contra os crimes da ditadura
"Para a nosa familia estes compromisos representan un paso moi importante logo de 51 anos de loita pola memoria, a verdade, a xustiza e a reparación", aseguraron tamén Victoria Sánchez-Bravo e Luis Vera, irmá e sobriño de José Luis Sánchez-Bravo nun texto no que agradecen a Caballero a súa disposición ás homenaxes.
Por outra banda, tamén en Vigo e no mesmo día, a Coordinadora Estatal de Apoio á Querela Arxentina contra Crimes do Franquismo (CEAQUA) anunciou que foi presentado nun xulgado de Bos Aires a querela contra 24 membros das forzas e corpos de seguridade franquistas que participaron no operativo policial que acabou co asasinato do militante nacionalista de esquerda, Moncho Reboiras, o 12 de agosto de 1975, mes e medio antes do fusilamento de Baena e Sánchez-Bravo.
Foi Manuel Reboiras, seu irmán, quen presentou unha demanda no xulgado arxentino que mantén aberta a investigación iniciada hai 16 anos en relación cos crimes franquistas para acreditar que foron leados a cabo nun "contexto de ataque sistemático e xeneralizado contra sectores da poboación civil", incluído o período político da Transición, e que os devanditos crimes, "polo tanto, constitúen delitos de lesa humanidade", explica CEAQUA.
"Inadmisión e arquivo"
A Coordinadora lembra que a querela de Reboiras foi presentada tamén ante os xulgados de instrución de Ferrol en febreiro de 2023 e que, ao longo de todo o proceso xudicial, os xulgados españois "reiteraron a súa inadmisión e finalmente o arquivo", aludindo como principais atrancos para as pescudas xudiciais a lei de Amnistía de 1977, o principio de legalidade e a prescrición.
"Ao igual que a práctica totalidade das máis de 125 querelas presentadas ata hoxe que esgotaron a vía xudicial interna, logo da finalización do proceso xudicial no Estado, acudiuse a instancias internacionais e nesta caso á xustiza arxentina", lembra CEAQUA, que advirte que a querela impulsada en Bos Aires intenta saltar as "políticas de impunidade impropias e incompatibles cun sistema democrático" que se dan en España.