"Esta lei non vai establecer esa posibilidade", dixo hai uns días o presidente ao enviar ao Parlamento o proxecto de lei, que si a contempla e só matiza que o proceso deberá ser aprobado polo Parlamento
Novo bandazo entre as declaracións do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a actividade real do seu Goberno a respecto das fusións municipais. Hai dous anos, cando Praza.gal avanzou en exclusiva un informe encargado polo Goberno galego que analizaba sete posibles fusións de concellos, Rueda asegurou que era unha simple análise de viabilidade e que só impulsaría as "voluntarias". Porén, o pasado febreiro a Xunta presentou un anteproxecto de lei de administración local no que, ademais de suprimir as comarcas, se atribuíu a posibilidade de impoñer a anexión dun concello en crise por parte de outro que estea saneado.
Tras seguir a súa tramitación o proxecto de lei foi aprobado polo Consello da Xunta para o seu envío ao Parlamento o pasado 5 de outubro, cando Rueda foi preguntado expresamente sobre se o texto mantén esa posibilidade de "forzar fusións". O presidente dixo que aposta polas fusións voluntarias e que unha forzosa "non é o camiño, polo menos neste momento, nin nada indica que o poda ser no futuro, nin esta lei vai establecer esa posibilidade". Porén, o texto que vén de entrar no Parlamento para a súa aprobación si establece esa posibilidade.
O proxecto de lei aprobado o 5 de outubro e enviado ao Parlamento mantén a respecto das fusións forzosas de concellos en crise exactamente a mesma redacción que o anteproxecto exposto ao público o pasado febreiro. O texto aposta polo "fomento" das fusións voluntarias pero inclúe un artigo específico, o 40, que faculta á Xunta a iniciar eses procesos "cando nun municipio o establecemento ou a prestación dos servizos mínimos resulte imposible ou de moi difícil cumprimento", para o que establece tres requisitos que se deben dar ao mesmo tempo:
- Que o concello "incumprise os obxectivos de estabilidade orzamentaria, débeda pública e regra de gasto durante os últimos cinco anos".
- Que estea "en situación de reto demográfico".
- Que fose "dispensado da prestación dos servizos públicos de prestación obrigatoria e que transcorrido o prazo máximo de duración desa dispensa, incluída a prórroga, incumprira a súa obriga de optar por unha das fórmulas de xestión asociativas" ou de fusión previstas na propia lei agora impulsada.
Para este tipo de fusión imposta "non será necesario acordo favorable" do concello en crise senón só dos demais concellos afectados. Isto é, na práctica produciríase unha anexión do concello en crise por outro concello veciño saneado.
Nas súas declaracións Rueda vén insistindo en que só apoia fusións voluntarias e que impoñelas "non é o camiño" pero reforma a lei de administración local para que se poidan facer sen contar co acordo favorable de concellos en crise
Malia esta redacción aprobada no Consello da Xunta do pasado 5 de outubro para a súa remisión ao Parlamento de Galicia, na rolda de prensa posterior a esa reunión do Goberno galego o presidente negou tal posibilidade. A Rueda preguntáronlle se a lei mantería "a opción de que a Xunta poida forzar fusións nalgún contexto determinado de dificultade económica".
A resposta íntegra de Rueda foi a seguinte: "Volvo insistir, cremos nas fusións, dicímolo directamente, nalgúns casos cremos que son moi procedentes e moi beneficiosas, pero como creo nas fusións creo que teñen que ser voluntarias, tentar estimulalas, con estímulos económicos, xurídicos, de todo tipo; creo que nalgúns casos procede e nalgúns casos é moi necesario, pero impoñelas non, creo que ese non é o camiño, polo menos neste momento, nin nada indica que o poda ser no futuro, nin esta lei vai establecer esa posibilidade". Porén, o texto enviado ao Parlamento si establece esa posibilidade.
O proxecto de lei segue contemplando, como o anteproxecto revelado en febreiro, que o inicio desas fusións é competencia da consellería encargada da administración local. Si desaparece do novo texto un precepto que no anterior establecía que durante a tramitación desas fusións "a deputación provincial correspondente subrogarase na prestación dos servizos mínimos necesarios". Tamén muda o remate do proceso: "Esta alteración de termos municipais aprobarase por lei do Parlamento de Galicia", engade agora o texto aprobado.
Axudas para fusións voluntarias
Por outra banda, o texto do proxecto de lei finalmente remitido ao Parlamento estende pero tamén acouta as axudas para fusións voluntarias aos concellos que se unisen antes da entrada en vigor desta lei, isto é, Cerdedo Cotobade e Oza Cesuras. O texto inclúe un artigo específico, o 30, de medidas de fomento das fusións voluntarias, cun fondo específico nos Orzamentos da Xunta e prioridade á hora de recibir axudas tanto da Xunta como das deputacións. Pero se no anteproxecto de febreiro esas axudas estaban orientadas en exclusiva a novas fusións, no proxecto de lei agora enviado ao Parlamento engadiuse unha disposición transitoria que establece que "os municipios resultantes de procesos de fusión anteriores á entrada en vigor desta lei poderán beneficiarse das medidas de fomento previstas no artigo 30 durante un período máximo de oito anos, contados desde a entrada en vigor da mesma".
Desaparición das comarcas
O novo texto mantén a supresión das comarcas coa derrogación da lei de 1996 que pretendía impulsalas ao consideralas o Estatuto de Autonomía "entidades locais propias de Galicia"
O texto agora enviado ao Parlamento inclúe, como o presentado en febreiro, a supresión das comarcas como entidades de organización administrativa territorial, malia que o Estatuto de Autonomía segue a contemplar, no seu artigo 27, que estas, como as parroquias rurais, son "entidades locais propias de Galicia". O proxecto enviado ao Parlamento mantén unha disposición que derroga expresamente a lei 7/1996, do 10 de xullo, de desenvolvemento comarcal, liquidada de feito na práctica na pasada década durante os mandatos de Alberto Núñez Feijóo.
Tras dar a coñecer Praza.gal en febreiro esa supresión das comarcas, o presidente Rueda argumentara que desaparecen porque "a maioría dos galegos non quere multiplicar administracións".