A pasada semana os concellos de Ribadavia e Carballeda de Avia admitiron contactos para exploraren unha posible fusión municipal. Como adiantou La Región, a obxectivo fundamental dos actuais gobernos ribadaviense (PP) e carballedés (PSdeG) pasaren xuntos a barreira dos 5.000 habitantes para acceder a mellor financiamento por parte da Xunta do Estado, así como aproveitar o clima favorable ás fusións que impregna a nova lei local que tramita o Goberno galego.
Dáse a circunstancia de que, se saíse adiante, esta fusión no Ribeiro respondería a un dos criterios do estudo sobre posibles unións municipais que hai dous anos manexou a Xunta como resultado dunha colaboración coas tres universidades públicas. e a Fundación Juana de Vega, o do limiar de poboación. Pero territorialmente non se correspondería con ningunha das potenciais fusións analizadas naquel traballo.
Como adiantara Praza.gal en exclusiva e despois ratificara a publicación íntegra do informe, aquel estudo encadrábase nunha aposta política por impulsar novas fusións municipais e simulaba os efectos económicos de sete concretas. Tratábanse das Santiago e Teo; Noia e Lousame, Sanxenxo e Meaño; Alfoz e O Valadouro e, no caso ourensán, os atinxidos eran os concellos do Pereiro de Aguiar e Nogueira de Ramuín.
A unión de Ribadavia e Carballeda de Avia superaría os 5.000 habitantes, limiar que o informe manexado polo Goberno galego sinalaba como mínimo para "acadar economías de escala necesarias para mellorar a eficiencia na xestión"
Aquel traballo completábase con outras dúas propostas que implicaban a concellos dezaos. Unha bosquexaba virar toda a comarca nun só concello (Agolada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces) e outra limitaba a operación a Lalín, Rodeiro e Dozón. Ante o balbordo xerado por aquela publicación co aval da Xunta, Goberno galego e autores do estudo explicaran que esas sete fusións non eran froito das conclusións dos investigadores por seren as máis viables e recomendables, que elixiran estes concellos 'a priori' como mostras representativas de Galicia para simular os efectos de cada unión, sen chegar a recomendar especificamente ningunha delas.
Canda aquelas simulacións, o informe apuntaba recomendacións como as poboacionais para impulsar fusións de concellos. Neste sentido, sinalaban como "limiar óptimo" para "acadar economías de escala necesarias para mellorar a eficiencia na xestión" económica local "un número mínimo de 5.000 habitantes", ao cal chegarían Ribadavia e Carballeda de Avia ao unírense, se ben observaban como "desexable aproximarse a cifras por riba dos 8.000".
Os precedentes
Se chega a concretarse, esta unión de concellos do Ribeiro sería a terceira fusión municipal moderna no noso país. As anteriores, en 2012 e 2016, contaron con claro aval político dos gobernos galegos do PP de Alberto Núñez Feijóo, co actual presidente Alfonso Rueda como conselleiro con competencias en materia de administración local, para dar lugar aos novos concellos de Oza Cesuras e Cerdedo Cotobade (ambos topónimos sen guión intermedio no novo Nomenclátor de Galicia).
As unións de Oza dos Ríos con Cesuras e de Cerdedo con Cotobade non mudaron a dinámica poboacional dos municipios por separado
Dous dos obxectivos declarados de ambas operacións foran argumentos poboacionais. No caso de Oza Cesuras, aferrarse ao limiar de 5.000 habitantes e no de Cerdedo Cotobade, manterse folgadamente por riba del. E en ambos casos, procuraren gañar poboación grazas ao maior acceso a fondos doutras Administracións grazas á fusión.
O certo é que, con cadansúas características propias, a evolución dos concellos fusionados non foi moi diferente doutros moitos da súa dimensión. Así, nos anos seguintes á fusión, o municipio resultante de unir Oza dos Ríos con Cesuras seguiu enfraquecendo o seu padrón aos poucos (de 5.275 habitantes en 2014 a 5.096 en 2020), viviu unha lixeira remonta durante a pandemia da COVID, como moitos outros concellos de pequena dimensión (5.247 en 2022) e a continuación volveu minguar levemente (5.159 habitantes nos datos finais de 2025)-
Como amosan os gráficos que acompañan esta información, en Cerdedo Cotobade o primeiro ano tras a unión, 2017, foi o último con máis de 6.000 habitantes. Dende aquela o seu padrón de habitantes foise reducindo moi lixeiramente e hai anos que permanece estable na contorna das 5.600 persoas.
Un concello de máis de 6.000 no Ribeiro
A tendencia demográfica de Ribadavia e Carballeda é tamén descendentemente lenta. Cos datos pechados de 2025, a suma daría lugar a un municipio que superaría por pouco as 6.000 persoas, con case 4.900 en Ribadavia (que ata 2022 superaba os 5.000 habitantes) e algo menos de 1.200 de Carballeda, onde hai apenas unha década residían 1.400 persoas máis.
En termos electorais, a fusión de Ribadavia e Carballeda daría lugar a unha única corporación municipal de 13 membros, os que corresponden aos concellos de entre 5.000 habitantes. Remudaría o actual consistorio de 13 edís de Ribadavia e aos nove que integran en Carballeda.
Cos resultados de 2023 o concello do Ribeiro fusionado estaría gobernado polo PP por maioría absoluta, como sucede agora en Ribadavia, mentres que Carballeda en solitario ten goberno do PSdeG
Nun exercicio de política-ficción cos resultados de 2023, a variación do mapa político sería substancial en Carballeda e imperceptible no esencial en Ribadavia. Os votos agregados das últimas municipais darían lugar a unha maioría absoluta do PP con 7 edís, os mesmos que ten actualmente o goberno popular ribadaviense. A segunda forza sería, con 4 representantes, o PSdeG que actualmente goberna Carballeda con maioría absoluta. A maior distancia estaría o BNG, terceira forza cun só representante.
Cómpre ter en conta, non obstante, que en caso de fusión o mapa electoral de ambos concellos previsiblemente mudaría. Non en van, a cuarta forza en Ribadavia en 2023 foi a formación Ribeiro en Común, que concorre só nese concello e que obtivo un edil. En Carballeda o terceiro partido en apoio veciñal foi a agrupación electoral Carballeda Adiante, cun único edil.