A Xunta suprime as comarcas

Mapa comarcal vixente en Galicia dende 1997 sobre unha imaxe do Monte Faro, contorna dende a que se albiscan amplas zonas do centro do país CC-BY-NC-SA Montaxe e mapa: Praza.gal | Foto: Deputación de Lugo

Malia estar previstas no Estatuto como entidades locais propias de Galicia, o Goberno galego vai derrogar a lei de 1996 coa que Fraga quixo impulsar as comarcas, liquidadas de feito durante os mandatos de Feijóo

O Estatuto de Autonomía di, no seu artigo 27, que é competencia exclusiva de Galicia a "organización e réxime xurídico das comarcas e parroquias rurais como entidades locais propias de Galicia". En desenvolvemento desa competencia a Xunta de Manuel Fraga aprobou en 1996 unha lei comarcal e dividiu o país en 53 comarcas. 

O incipiente desenvolvemento formal desas comarcas foi liquidado de feito na práctica na pasada década durante os mandatos de Alberto Núñez Feijóo e agora o Goberno de Alfonso Rueda dará o paso definitivo e as derrogará expresa e legalmente a través da nova Lei de Administración Local de Galicia que está a tramitar. 

A nova lei local impulsada polo actual Goberno galego, coa que poderá impoñer fusións de concellos en crise, contempla na súa disposición derrogatoria única a derrogación expresa da lei 7/1996, do 10 de xullo, de desenvolvemento comarcal. Esa lei impulsada por Fraga derivou uns meses despois nun decreto que estableceu 53 comarcas. Pero o seu desenvolvemento foi cativo. 

Un ano máis tarde a lei 5/1997 de administración local, a que agora vai actualizar a Xunta, seguiu contemplando as comarcas e apostou por plans de desenvolvemento comarcal pero renunciou expresamente a dotalas de personalidade xurídica para non duplicar funcións e custos. Fraga apostou pola contra por crear fundacións comarcais centradas en actividades de desenvolvemento rural.

Cerdedo e Cotobade, no mapa oficial das comarcas de Galicia © Xunta

O mapa das 53 comarcas creado por Fraga quedou en nada cando en 2016 a Xunta impulsou a fusión dos concellos de Cerdedo e Cotobade, pertencentes a dúas comarcas distintas

Aquelas fundacións comarcais comezaron a ser desactivadas pola Xunta de PSdeG e BNG e Feijóo culminou a súa supresión en 2012 argumentando que así se lograría un aforro en 53 chiringuitos que para o Consello de Contas foi "residual". Ao tempo, os xerentes desas fundacións comarcais, parte deles cargos do PP, foron recolocados noutros postos.

Tras quedar así en 2012 as comarcas baleiras de contido, en 2016 Feijóo tamén as liquidaría sobre o mapa ao impulsar a fusión dos concellos de Cerdedo e Cotobate, que previamente formaban parte de dúas comarcas distintas, a de Tabeirós-Terra de Montes o primeiro e a de Pontevedra o segundo. 

Agora a nova lei local que tramita a Xunta derroga expresamente a lei comarcal de 1996. Opta ao tempo por "reforzar o papel das deputacións provinciais" e "consolidar a existencia doutras entidades locais diferentes dos municipios e das provincias, como son as mancomunidades de municipios, apostando claramente por estas figuras e fomentando o asociacionismo municipal coa finalidade de lograr unha mellora na calidade da prestación dos servizos públicos". 

Fachada da sede da Deputación de Ourense © Alberte Paz / Deputación de Ourense

A nova lei local aposta por deputacións e mancomunidades e non fai ningunha referencia ás parroquias, tamén consideradas entidades locais "propias de Galicia" no Estatuto e nunca desenvolvidas legalmente

Nada di a nova norma a respecto das parroquias, o outro tipo de entidades locais "propias de Galicia", segundo o Estatuto de Autonomía. A anterior lei local de 1997 limitábase a reiterar a posibilidade de desenvolvemento contemplada no Estatuto pero adiándoa a un futuro indeterminado sinalando que "a organización, o funcionamento e as competencias da parroquia rural serán regulados, no seu día, por unha lei do Parlamento de Galicia". 

A nova lei local non cita o concepto parroquia en absoluto. Limítase a reiterar a lexislación previa para as nove entidades locais menores existentes en Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.