Rueda suprime as comarcas porque "a maioría dos galegos non quere multiplicar administracións"

Rueda ante un mapa de Galicia nun recente Consello da Xunta CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

"Veño do mundo local", di o presidente -secretario municipal e director xeral de Administración Local con Fraga- para defender que "interesa moitísimo máis potenciar a planta municipal, garantir a súa sostibilidade"

A nova Lei de Administración Local de Galicia inclúe entre as súas medidas, como avanzou Praza.gal, a derrogación da Lei de Desenvolvemento Comarcal de Manuel Fraga de 1996, que na práctica xa fora baleirada de contido tanto por Feijóo como polo goberno previo de PSdeG e BNG. Preguntado por esa decisión de suprimir as comarcas, así como pola ausencia no novo texto de ningunha referencia ás parroquias, o outro tipo de entidades locais consideradas polo Estatuto de Autonomía como "propias de Galicia", Rueda xustificou este luns que "a maioría dos galegos" non queren "seguir multiplicando a planta administrativa que existe actualmente en Galicia". 

Segundo Rueda, o obxectivo da nova lei é "adaptala á realidade galega, á realidade tamén social de asentamento da poboación, de simplificación administrativa, de garantir a sostibilidade das administracións". Nesa liña, o presidente salientou a medida legal, tamén avanzada por Praza.gal, de "contemplar sequera como posibilidade a fusión daqueles concellos que se acredite que non son sostibles por si sós sempre que outro concello estea de acordo".

"Eu veño do mundo local", dixo o presidente en referencia a si mesmo, que foi secretario municipal e en 2000 foi nomeado por Fraga director xeral de Administración Local. Con eses antecedentes, Rueda di que "interesa moitísimo máis potenciar a planta municipal, garantir a súa sostibilidade" que "desenvolver de xeito administrativo outras figuras que incluso se poden superpoñer".

Rueda co conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, tras a aprobación o pasado luns do anteproxecto de nova lei de administración local CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

"Creo sinceiramente que a maioría dos galegos prefiren agora mesmo que fagamos algo racional, sostible, que funcione e que preste servizos antes que seguir multiplicando a planta administrativa que existe actualmente en Galicia", concluíu o presidente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.