A lei de comarcas de 1996 agora derrogada foi unha aposta persoal de Fraga, que prometera un esquema "próximo no posible ás deputacións" que moi pronto quedou reducido a actuacións desenvolvemento rural
A nova Lei de Administración Local que está a tramitar a Xunta derroga expresamente a Lei 7/1996 de desenvolvemento comarcal, unha aposta persoal de Manuel Fraga, que prometera un esquema "próximo no posible ás deputacións" pero que moi pronto quedou reducido a actuacións de desenvolvemento rural. Esas actuacións articuláronse a través das fundacións comarcais, desaparecidas hai década e media, polo que a derrogación agora da lei comarcal non vai ter máis efectos que unha emenda da totalidade do discurso político de Fraga hai 35 anos.
Foi o 29 de xaneiro de 1990, na defensa do seu programa de investidura como presidente da Xunta, cando Fraga apelou "á necesidade de completa-la organización territorial de Galicia, articulando os entes previstos no noso Estatuto de Autonomía: a comarca e a parroquia".
"Anuncio perante esta Cámara a inmediata constitución dunha comisión de comarcalización", proclamou a continuación o candidato á investidura, indicando que sería "a encargada de fixa-las bases técnicas para a redacción dun proxecto de lei de organización territorial de Galicia, no que se fixarán as comarcas nas que se dividirá territorialmente a nosa comunidade autónoma e se fixará tamén o réxime xurídico comarcal, regulando os seus órganos propios, tanto no que se refire á súa composición coma ó seu funcionamento".
"Se toda Europa, menos España, dispón dese nivel de coordinación e administración comarcal, en ningún sitio é máis necesario ca na realidade da nosa terra", dicía Fraga na súa primeira investidura en 1990
Naquela a súa primeira investidura Fraga chegou a avanzar que "a priori, pode afirmarse a necesidade dun Consello comarcal e doutros órganos" e que "o esquema comarcal aproximarase no posible ás deputacións provinciais, e a súa competencia virá determinada necesariamente polos intereses supramunicipais que non excedan do propio interese comarcal e polos intereses comúns dos concellos integrados na comarca respectiva".
Dous anos despois, no debate de política xeral do 10 de marzo de 1992, Fraga insistía na súa aposta e chegaba a dicir que "se toda Europa, menos España, dispón dese nivel de coordinación e administración comarcal (condados, círculos, cantóns, "arrondissements", etc.), en ningún sitio é máis necesario ca na realidade da nosa terra, coas súas famosas (pero reais) 32.000 unidades de poboación. Tamén aquí sabemos que non faltarán os inconvenientes nin as incomprensións, pero sabemos que ó final Galicia e o noso pobo estarán mellor servidos".
Esa aposta polas comarcas tivo o seu cumio na Lei 7/1996, do 10 de xullo, de desenvolvemento comarcal, defendida polo PP con entusiasmo polo deputado Gerardo Conde Roa, que dicía que era "un texto que levanta paixóns porque, efectivamente, unha das cuestións máis importantes que se pode facer desde un Parlamento é articula-lo noso país".
Uns meses despois da lei chegou o seu desenvolvemento co Decreto 65/1997, do 20 de febreiro, polo que se aproba o mapa comarcal de Galicia, no que se estableceron 53 comarcas. Pero apenas medio ano despois a comarcalización comezaba a desinflarse. A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia, ratificaba que as comarcas permanecerían sen personalidade xurídica diferenciada, centrando así a súa principal razón de ser no desenvolvemento rural. Unhas actuacións que se canalizarían a través da creación de fundacións comarcais.
Uns poucos anos de funcionamento desas fundacións comarcais, á fronte das cales a Xunta puxo a destacados cargos do PP, bastaron para que o Consello de Contas detectase diversas eivas no xeito en que estaban a gastar os fondos públicos. Así que durante o goberno de PSdeG e BNG comezaron a ser desmanteladas, proceso que culminou Feijóo co argumento de que así se lograría un aforro en chiringuitos que finalmente foi cualificado como "residual" polo Consello de Contas. Ao tempo, aqueles xerentes comarcais do PP foron recolocados noutros postos.
Eliminadas as fundacións comarcais, o mapa das 53 comarcas creado por Fraga quedou en nada cando en 2016 a Xunta impulsou a fusión de Cerdedo e Cotobade, pertencentes a dúas comarcas distintas
Desaparecidas as fundacións, da comarcalización de Fraga quedou tan só un mapa que Feijóo tamén liquidou en 2016 ao impulsar a fusión dos concellos de Cerdedo e Cotobate, que previamente formaban parte de dúas comarcas distintas, a de Tabeirós-Terra de Montes o primeiro e a de Pontevedra o segundo. Así que agora a Xunta limítase a derrogar unha norma que xa non tiña efectos prácticos desde hai moito tempo pero que para Fraga ía ser o fundamental na súa idea de Galicia.