Medio Rural ultima a incorporación de case 800 predios de propiedade descoñecida ao Banco de Terras, ferramenta que os populares atacaron cando a creou o Goberno de coalición PSdeG-BNG como unha "sovietización encuberta" encamiñada á "incautación"
"Coidadiño co sentido da propiedade". Foi una das múltiples advertencias que no ano 2007 o daquela conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal (BNG), recibiu dende as bancadas parlamentarias do PP durante a tramitación da lei que creaba o Banco de Terras. Os populares, xa liderados por Alberto Núñez Feijóo e con Alfonso Rueda como número dous, aseguraban que o Goberno de socialistas e nacionalistas estaba a impulsar unha "sovietización encuberta" malia non ser Galicia "un país pertencente ao extinto Pacto de Varsovia".
Os populares baseaban aquelas alertas en principios daquela lei como a que contemplaba incorporar parcelas de propietario descoñecido ao Banco de Terras para ofrecelas en arrendamento ás explotacións agrogandeiras que as precisasen. "Cando se lles saca terras de donos que non saben quen son, pero teñen donos, hai unha incautación", afirmaban. Case dúas décadas despois, o actual Goberno do PP disponse a ofrecer en alugueiro case 800 novas leiras tras incorporalas ao Banco de Terras xustamente por esta vía.
Como é sabido, tras retornar á Xunta en 2009 o PP foi afastándose paulatinamente dos discursos que identificaban o Banco de Terras cun proxecto comunista ou, directamente, cun plan de PSdeG e BNG para "quitarche as túas terras e darllas a outros coa escusa de que non as traballas". Nesta liña, a Lei de Recuperación da Terra Agraria (2021) mesmo afondou nos mecanismos concibidos en 2007 polo Executivo de coalición para, por exemplo poder integrar no Banco de Terras as parcelas de propiedade descoñecida mesmo mentres o Goberno galego, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), realiza o "procedemento de investigación da titularidade".
A Consellería fai un balance "moi positivo" do Banco de Terras "dende a súa posta en funcionamento" e salienta que xa ten incorporadas "máis de 19.000 parcelas"
Praza.gal preguntou recentemente á Consellería do Medio Rural polo número de parcelas que arestora ten en proceso de incorporación ao Banco de Terras por seren de propietario descoñecido. O departamento que dirixe María José Gómez concreta que "actualmente están en proceso de revisión" dentro "desta casuística" un total de 797 parcelas que suman 384,43 hectáreas nunha trintena de concellos.
Canda os datos, este diario solicitou de Medio Rural tamén unha valoración dos resultados do Banco de Terras. Lonxe das duras críticas contra a súa creación, a Consellería sinala que "o balance que podemos facer" dende "a súa posta en funcionamento" é "moi positivo". Fano, explican, con datos de mediados do ano pasado este instrumento xa tiña incorporadas "máis de 19.000 parcelas" cunha superficie total de máis de 7.000 hectáreas.
Entre as leiras xa alugadas e as que se atopan "en proceso de arrendamento", sempre segundo os datos fornecidos por Medio Rural, a cifra total rolda as 6.900 parcelas que "mobilizan unha superficie de máis de 2.800 hectáreas". Unhas 6.500 seguen "dispoñibles" e as restantes "non son arrendables" polo momento, caso das que están "pendentes do proceso definitivo de incorporación, depuración de datos ou inspección". Os "principais usos" das parcelas arrendadas son "cultivo de viñedo, dar servizo ás gandarías ou masas forestais", especifican.
Lonxe das "gravísimas" consecuencias que augurara o propio PP, o Goberno galego indica que o Banco de Terras contribúe a "evitar o abandono e garantir un medio rural produtivo" e salienta unha nova orde para "alugar de xeito máis sinxelo" parcelas dispoñibles
Lonxe das alertas do pasado, nas que o PP auguraba que "algún día" ía ser preciso "rescatar" as súas advertencias sobre as "gravísimas" consecuencias de crear o Banco de Terras, a Consellería do Medio Rural do Executivo do mesmo PP considera que esta ferramenta está a contribuír a "evitar o abandono e garantir un medio rural produtivo e sustentable". Máis aínda, defenden, coa orde que, dende este mesmo ano, "regula a presentación electrónica de solicitudes de arrendamento dos predios rústicos incorporados ao Banco de Terras".
A nova norma, destacan, permite "alugar de xeito máis sinxelo as parcelas que se atopen en estado de dispoñible sen concorrencia", isto é, as que non recibiron anteriormente "ningunha solicitude válida ou que foran resoltas negativamente". A "principal novidade" é "que os interesados en arrendar estes predios non teñen que agardar ata os prazos de presentación habituais, que se abren dúas veces ao ano durante dúas semanas, os primeiros días hábiles dos meses de maio e novembro".