O Bloque proponse "conseguir máis gobernos" e "ser a forza que máis medre" na cita coas urnas do 23 de maio de 2027 e activa a súa "axenda de mobilización municipal"
Tal día coma hoxe do ano vindeiro estarán abertas as urnas para elixir as novas corporacións municipais. A un ano exacto desas municipais de 2027 o BNG reuniu o seu Consello Nacional, máximo órgano entre asembleas, para "centrar o foco" nesa cita coas urnas e marcar obxectivos de medre en gobernos e representación cun albo claro entre o electorado: "Quen aínda non deu o paso de coller a papeleta" do Bloque, resume Ana Pontón.
Na súa intervención ante o Consello a portavoz nacional da formación soberanista formulou un "obxectivo moi claro: conseguir máis concellos gobernados polo BNG" e "aumentar a nosa representación municipal" con máis edís. Dío, asegura, "dende o convencemento de que seremos a forza que máis medre o 23 de maio de 2027" e para iso, advirte, toca "traballar con planificación, anticipación e contacto directo coa cidadanía".
As eleccións e ratificacións de cabezas de cartel polas asembleas de militancia nas sete principais cidades e mais nas vilas onde goberna, proceso "que estará rematado antes do Día da Patria", son o primeiro fito dunha "axenda de mobilización municipal" na que o Bloque prevé "tres encontros nacionais" nos vindeiros meses. Un "específico" das cidades, un "cumio de gobernos e cogobernos municipais" e un terceiro "multitudinario, a modo de arranque cara á cita electoral".
A portavoz nacional sinala as urnas locais como a "oportunidade para seguir consolidando o avance" da formación: "Depende da nosa capacidade de falar claro á veciñanza" e trasladar "un modelo municipal que mellora a vida das persoas"
Analiza Pontón que "as eleccións municipais son unha oportunidade para seguir consolidando" un "avance do BNG" que "depende de nós", alentou a dirixencia da formación. "Da nosa capacidade de falar claro á veciñanza, de explicarlle o noso proxecto e de tender pontes con todas esas persoas que hoxe nos miran con esperanza, pero que aínda non deron o paso de coller a papeleta do BNG", resalta.
Nese contacto directo, anima Pontón, a intención é trasladaren como "os concellos gobernados polo BNG prosperan, ganan dinamismo económico e social, avanzan en igualdade, en xustiza social, na promoción da nosa lingua e da nosa cultura, en espazos públicos de calidade". O seu, afirma, é "un modelo municipal que mellora a vida das persoas e que no 23M do 2027 "queremos estender a máis concellos do país".
Nas últimas semanas a axenda do Bloque adquiriu un notable foco municipal coas devanditas eleccións e presentación das cabezas de cartel nas cidades e mesmo dos primeiros actos de presentación. É o que aconteceu nos últimos días na Coruña con Avia Veira, en Lugo con Rubén Arroxo, en Vigo con Xabier Pérez Igrexas ou este pasado venres en Santiago coa aspirante á reelección na alcaldía, Goretti Sanmartín. Do mesmo xeito, o vindeiro día 28 Miguel Anxo Fernández Lores celebra o acto de presentación da súa candidatura tras ser ratificado como aspirante a recuncar outra volta co bastón de mando en Pontevedra.