Fomento conxelará en ano electoral as peaxes que permitiu disparar durante a crise

Vehículos detidos a máis dun quilómetro da peaxe de Teo, preto de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Máis dun 4% en 2009, case un 1,5% en 2011, un 14% en 2012 ou algo máis do 2,5% en 2013. Son algunhas das últimas subas nas peaxes da Autoestrada do Atlántico, todas elas aplicadas durante a crise económica co beneplácito do Ministerio de Fomento, o departamento estatal que ten competencias exclusivas sobre ela e que, asemade, vén permitindo evidentes deficiencias no seu servizo como os reiterados atascos nas cabinas de pagamento. Agás en 2010, que se conxelaron, os prezos da AP-9 foron incrementados todos e cada un dos anos da crise. Esta tendencia vaise deter no ano 2015, nos que a cidadanía en xeral, tamén a que circula pola principal arteria de comunicación terrestre do país, vai ser chamada ás urnas en, cando menos, dúas ocasións: nas eleccións municipais de maio e tamén nas xerais, previstas para o outono.

Segundo revelou este domingo a axencia Europa Press e este luns recollen varios medios de comunicación como Faro de Vigo ou La Voz de Galicia, o departamento que dirixe Ana Pastor aproveita o estancamento do Índice de Prezos ao Consumo (IPC) para concluír que a suba que habería que aplicar o ano que vén estaría nun 0,01%, polo que deixará como están os prezos de todas as vías de peaxe do Estado e, ademais, aproveitará o ano electoral para aplicar os descontos selectivos -por uso frecuente ou por transito en determinadas horas do día- que se lle veñen reclamando dende hai lustros.

Isto sucederá un ano despois de que Autopistas del Atlántico redondease á alza o último incremento autorizado polo Goberno de España, o que supuxo que percorrer a autoestrada nun turismo superase por primeira vez os 20 euros. Acontece, tamén, tras medidas aplicadas polos sucesivos Executivos estatais que influíron directamente no custo do servizo, tales como as dúas subas do IVE -do 16% ao 18% con Zapatero e ata o 21% con Rajoy- ou a fin dos subsidios á concesionaria incluída no paquete de recortes aprobado no verán de 2012, que supuxo unha suba directa das peaxes nun 7,5%.

300.000 euros diarios en peaxes

Esta pirotécnica decisión de Fomento chega nun contexto no que Audasa reduciu os seus ingresos por peaxes en case un 20% dende o inicio da crise, segundo os datos que lles facilita os seus accionistas, pero no que os seus números xa comezan a remontar. Así, atendendo á información depositada na Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), entre xaneiro e xuño de 2014 a concesionaria ingresou a través das súas cabinas un total de 59,1% de euros, isto é, algo máis de 300.000 euros ao día. Se a tendencia continúa os resultados serán mellores que os de 2013, cando rematou con 125,2 millóns de euros en peaxe, unha cantidade avultada pero menor á do 2008, considerado como ano do inicio da crise, no que superou os 155 millóns de euros.

A conxelación das peaxes producirase, ademais, tras sete anos de caída do tráfico da autoestrada, especialmente abrupta dende 2010 e que continúa, aínda que un chisco amortecida, neste 2014 -en setembro e outubro, por exemplo, os vehículos que pasaron diariamente pola AP-9 reducíronse nun 11% e nun 10%, respectivamente, a respecto dos mesmos meses do ano anterior-. Sucede, asemade, tras un verán no que novamente condutores e condutoras manifestaron a súa indignación a causa dos atascos provocados pola propia empresa, que teima en reducir persoal e en incrementar as cabinas de peaxe automática. Mentres, o expediente aberto por Fomento a causa destes atascos semella que non terá maiores efectos e o PP vén de vetar, novamente, a transferencia da autoestrada á Xunta, como prometera o propio Alberto Núñez Feijóo. Sexa como for, o certo é que Audasa prevé seguir impoñendo a súa lei en Galicia ata 2048.  

Evolución das tarifas de Audasa entre 2008 e 2014 (premer para ampliar) CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.