Formoso contrapón a campaña "limpa e construtiva" do PSdeG contra o xeito de "embarrar" do PP

Formoso, xunto a Bernardo Vázquez, candidato do PSdeG á alcaldía de Pontedeume CC-BY-SA PSdeG

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reivindicou este domingo a campaña "limpa e construtiva" dos socialistas galegos fronte ao "proceso de embarrar" do PP. 

"Imos facer unha campaña como facemos sempre: limpa, construtiva e positiva, moi afastados dese proceso de embarrar a política que ten o PP habitualmente. Estámolo vendo en Santiago e Ferrol", dixo Formoso, en declaracións antes da presentación da candidatura de Bernardo Fernández á alcaldía de Pontedeume. 

Acto do PSdeG en Pontedeume CC-BY-SA PSdeG

Ademais, o líder do PSdeG di que o partido afronta esta campaña electoral das municipais "coa maior ilusión e o maior compromiso" cos 313 municipios galegos. 

Formoso cre, no entanto, que a cidadanía é "perfectamente consciente" de que as forzas políticas que "son quen de modernizar a sociedade son as forzas que traballan en positivo" e que "se comprometen cos obxectivos de reter o talento e protexer as persoas máis vulnerables". 

Tamén insistiu Formoso en que "toda a forza" do PSOE estará posta nas municipais en Galicia, coa presenza de Pedro Sánchez a vindeira semana nun acto en Lugo e de varios ministros para apoiar candidatos locais do PSdeG. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.