Valentín González Formoso foi reelixido este martes como presidente da Deputación da Coruña ao obter o apoio no pleno de constitución da entidade dos dez representantes do seu partido, o PSdeG, ademais dos seis do BNG, e o único de Alternativa dos Veciños.
Os votos de PSdeG e BNG, xunto co de Alternativa, permitiu a reelección de Formoso como presidente da Deputación, que será gobernada por un bipartito
Os 17 votos favorables dos 31 deputados da corporación provincial, fronte aos 14 obtidos polo candidato do PP, Evaristo Ben, permiten así a reelección de Formoso, sendo o primeiro presidente da Deputación da Coruña que encara un terceiro mandato consecutivo.
Como anteriormente, PSdeG e BNG conformarán un goberno bipartito no órgano provincial, co nacionalista Xosé Regueira de novo como vicepresidente. No seu discurso, Formoso propúxose como principal obxectivo “vencer o reto poboacional e demográfico” e revitalizar o rural: “Queremos pobos con xente, concellos con vida”.
“A realidade dinos que o propósito que asuminos non é doado. Galicia é cada vez máis cativa. Morren máis dos que nacen e vanse máis dos que volven. Temos 1.342 aldeas baleiras e un de cada tres núcleos da nosa provincia teñen cinco ou menos habitantes. Non nolo podemos permitir, por iso imos reforzar o papel da Axenda Rural Provincial e imos investir como nunca en servizos de benestar social e conciliación que fixen poboación, fomenten a natalidade e atraian novos veciños aos nosos concellos”, dixo Formoso nunha intervención cargada de propósitos para os concellos con menos poboación.
Formoso márcase como principal obxectivo “vencer o reto poboacional e demográfico” e revitalizar o rural con políticas de benestar e conciliación
Así, Formoso anunciou a súa intención de seguir avanzando na “descentralización da administración para devolver protagonismo ao rural” e citou como exemplos a implantación, no último ano, da oficina provincial de xestión de fondos europeos Next Deputación na Capela (1.100 habitantes) ou do centro Acelera Pyme en Ponteceso (5.500 habitantes), destinada a impulsar a dixitalización das pemes de toda a provincia. “De non existir esta sensibilidade co rural estarían localizadas nos centros de calquera cidade”, advertiu.
Tamén avogou por desenvolver neste mandato “o novo programa de residencias públicas comarcais, que busca garantir o achegamento aos fogares dos maiores, evitando o desarraigo, un proxecto para o que nos gustaría colaborar coa Xunta de Galicia”. A Deputación xa está redactando os proxectos dos tres primeiros centros, que se situarán nos concellos das Pontes, Rianxo e Ordes e que, ademais de mellorar o benestar dos maiores e atender a necesidade de prazas residenciais, prevé xerar 188 empregos.
Entre outros proxectos claves, Formoso citou as políticas de mobilidade sostible, a construción e posta en marcha do CEI (Coruña Estudio Inmersivo), o maior estudo audiovisual virtual de España, que se ubicará na Cidade das TIC ou a conexión da Coruña e Santiago con sendas ciclables.
A Deputación da Coruña promete apostar forte polo novo programa de residencias públicas comarcais: as primeiras serán nas Pontes, Rianxo e Ordes
Ademais, repasou o que considera algúns dos logros dos seus oito anos á fronte da Deputación, como o Plan unico, o Plan de Emprego Local, o impulso ás políticas sociais ou o compromiso coa igualdade. “Nunca deixaremos de defender ao máis débil, nin permitiremos que se poña en dúbida a violencia de xénero nin as conquistas de dereitos no ámbito LGTBI”, dixo.
Formoso reivindicou “a mellor política”, baseada no respecto e o diálogo, “fronte á confrontación permanente, os vetos e as posicións dogmáticas” e anunciou que traballará "pola Coruña do futuro, unha Coruña industrial e rural, cohesionada social e territorialmente, unha Coruña dixital e innovadora. Unha Coruña para vivir e para vivila”