Galicia en Común chama á mobilización e augura a derrota de Feijóo "se a xente vai votar"

CC-BY-SA Galicia en Común

"É o momento! Construírmos o futuro". Ese é o lema elixido por Galicia en Común-Anova-Mareas de cara ás eleccións do vindeiro 12 de xullo. O candidato á presidencia da Xunta por esta candidatura, Antón Gómez Reino, amosouse na presentación do devandito lema convencido de que a derrota do Partido Popular é posible e chamou á participación: "Se a xente vai votar, Feijóo perde". 

Galicia en Común presentou o seu lema de campaña para o 12X: "É o momento! Construírmos o futuro"

No acto, ademais do deputado no Congreso, estiveron presentes as candidatas da coalición pola provincia de Pontevedra, Eva Solla e Iria Figueroa. Todos eles chamaron á participación e Gómez Reino advertiu de que "sempre que o votante progresista se mobiliza neste país, sempre hai unha maioría clarísima de voto progresista", lembrando o resultado das últimas eleccións xerais e municipais en Galicia.

Ademais, Gómez Reino chamou a abrir "un tempo novo, un tempo diferente" en Galicia e lembrou que o obxectivo da candidatura que lidera é a de cambiar o poder politica da Xunta e construír "con outros e outras un goberno progresista e transformador a partir do próximo 13 de xullo". 

Antón Gómez Reino, na presentación do lema de campaña de Galicia en Común CC-BY-SA Galicia en Común

"Sempre que o votante progresista se mobiliza neste país, sempre hai unha maioría clarísima de voto progresista"

"Queremos construír un goberno diferente, baseado en valores, baseado na defensa das maiorías sociais, en definitiva, na defensa do común", engadiu quen rexeitou o momento de "crispación deliberada" que di que se vive na política actualmente. "Nós non a queremos, quen a busca está a tratar de ocultar as propostas políticas do noso espazo e do conxunto da oposición", indicou.

Respecto da entrada de Galicia na nova normalidade antes que o resto de comunidades autónomas, Gómez Reino considerou que "todas e cada unha das comparecencias públicas de Feijóo" foron "electoralistas". "É evidente que vivimos 80 días de precampaña electoral descoñecida polo resto de forzas políticas por parte de Feijóo", engadiu quen cre que o presidente da Xunta é un "especialista" en pedir ás outras administracións que exerzan as súas competencias mentres el "non exerce as que ten".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.