Galicia en Común preséntase como a candidatura que garante que “ningún voto progresista quede na casa”

Noriega, Gómez-Reino e Solla na presentación da coalición Galicia en Común-Anova-Mareas CC-BY-SA Praza Pública

“Somos diversos no espazo da esquerda como diversa é a sociedade galega”, di Martiño Noriega na presentación da coalición xunto con Antón Gómez-Reino e Eva Solla

“Somos diversos no espazo da esquerda como diversa é a sociedade galega”. Con esa frase presentouse este mércores en Santiago a coalición Galicia en Común-Anova-Mareas, co seu candidato á presidencia da Xunta, o tamén secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, acompañado pola líder de Esquerda Unida, Eva Solla, e polo responsable das negociacións para a confluencia de Anova, Martiño Noriega. 

A tres semanas e media da xornada electoral, e admitindo eles mesmos que a actualidade informativa arredor do coronavirus dificultará que as súas propostas políticas teñan máis difusión, a presentación da coalición centrárona en facer ver o traballo realizado ata agora polo espazo político que ocupa e a súa representatividade social. Nesa liña, segundo salientou Noriega, a coalición non chega tarde senón que “garante que ningún voto progresista quede na casa”.

Presentación da coalición Galicia en Común-Anova-Mareas Dominio Público @EnComun_Gal

A coalición reivindica o “traballo das dúas últimas lexislatura realizado tanto con Alternativa Galega de Esquerda (AGE) como co Grupo Común da Esquerda”, un espazo que “impugnou as políticas da dereita movendo os marcos”

Segundo salientou Solla, o espazo político representado pola coalición é herdeiro do “traballo das dúas últimas lexislatura realizado tanto con Alternativa Galega de Esquerda (AGE) como co Grupo Común da Esquerda”. Un traballo no que ese espazo político, salientaron os presentes, foi o único que “impugnou as políticas da dereita movendo os marcos” do debate a respecto do que había antes da súa aparición.

Nesa liña, puxeron en valor tanto os gobernos municipais do cambio logrados en 2015 como a o Goberno central de coalición de PSOE e Unidas Podemos, “que está dando un exemplo do tipo de políticas a acometer no próximo goberno progresista da Xunta”. “O cambio político non vai chegar só coa melancolía do bipartito”, sentenciou Noriega.

Sobre o coronavirus, a coalición salienta que as eleccións só se poden celebrar “con todas as garantías” tanto sanitarias como “de participación de toda a cidadanía”, decisión que debe ser “das autoridades sanitarias”

“Representamos boa parte do caudal político deste país”, dixo Gómez-Reino, que explicou, a preguntas dos xornalistas, que a pluralidade da formación fai que durante a campaña cada formación potencie en distintos actos o seu propio perfil ou a especialización de cada candidato. “A diversidade é o noso potencial”, sentenciaron, e sobre a súa expectativa electoral, Gómez-Reino salientou que as enquisas amosan que “na dereita hai fugas, na esquerda non”.

Sobre como o coronavirus podería influír na campaña electoral, ou se as eleccións deberan ser aprazadas e por quen, Noriega, médico de profesión, salientou que “o fundamental é garantir a saúde pública do conxunto da cidadanía” e que as eleccións só se poden celebrar “con todas as garantías” tanto sanitarias como “de participación de toda a cidadanía”. Porén, esa decisión debe ser “das autoridades sanitarias”, a cuxa disposición se poñen. “As autoridades sanitarias teñen que marcar o camiño”, sentencian. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.