Mareas locais reivindican para Galicia a política “horizontal e participativa” do municipalismo

Dominio Público @compostelaberta

"O fenómeno do municipalismo no 2015 mudou para sempre o xeito de facer política no país”, di Xulio Ferreiro, que aposta por que esa voz “estea no Parlamento de Galicia”

Marea Atlántica, Compostela Aberta e Marea Cidadá de Noia, organizacións integradas na coalición Galicia en Común-Anova-Mareas, celebraron na tardiña deste sábado na Coruña, na sede de Marea Atlántica, un acto en defensa do municipalismo como un xeito de facer política “dende abaixo, de xeito horizontal e participativo”, exportable tamén ao Goberno galego tras o 5A.

O acto foi presentado por Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña no anterior mandato, e contou coas intervencións de Martiño Noriega, ex-alcalde de Santiago por Compostela Aberta e número 3 da lista pola Coruña ao 5A; a concelleira da mesma formación Marta Lois, número 7; e Xan Xove, integrante da Marea Atlantica, deputado na anterior lexislatura e agora número 5 na lista. Tamén participaron as concelleiras María García, voceira da Marea Atlántica, e Lola Caramés, voceira da Marea de Noia.

Martiño Noriega, Xulio Ferreiro e Marta Lois, na Coruña Dominio Público @compostelaberta

Na súa intervención, Ferreiro salientou a importancia do municipalismo na realidade política galega: "O fenómeno do municipalismo no 2015 mudou para sempre o xeito de facer política no país. Non só nas cidades, tamén nas vilas de todos os tamaños. É importante que esta voz, a voz de tantas, estea no Parlamento de Galicia", dixo. Tamén denunciou os atrancos da Xunta aos gobernos municipalistas: “Só devolvía bloqueo e agresividade fronte ás políticas do ben común. Nunca houbo un aliado nin no Goberno autonómico nin no Goberno do Estado. Isto mudou o ano pasado e ten que mudar agora de novo". 

Pola súa banda, Noriega salientou da coalición Galicia en Común-Anova-Mareas que a súa constitución “foi unha moi mala nova para Feijóo e para os que queren a continuidade na Xunta. Pero tamén para a extrema dereita que ve como seguimos a ser quen de cooperar e construír xuntas". “Necesitamos mudar o Goberno da Xunta para construír un país onde os noso fillos e fillas podan vivir con dignidade. Polo municipalismo non vai quedar: ímonos volcar neste cambio", sentenciou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.