Un grupo de militantes accedeu ao edificio da Secretaría Xeral de Emigración na praza de Mazarelos, en Santiago, que foi custodiado pola policía
Un grupo de militantes de Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, protestou este mércores na sede da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta na praza compostelá de Mazarelos "para esixir solucións ao problema da emancipación da mocidade galega". Tras entrar no edificio, os manifestantes despregaron na súa porta unha pancarta co lema "15 anos, 200.000 mozas emigradas, 0 vivenda, 0 emprego, 0 solucións". Posteriormente axentes da Policía Nacional custodiaron o edificio e a protesta continuou enfronte do mesmo.
Galiza Nova sinala que a mocidade galega leva "15 anos cun goberno do PP que actúa en beneficio dos seus intereses e contra as clases populares, facendo que a vida das mozas e mozos galegos sexa cada vez máis precaria e indigna".
A organización chegou a cualificar o Goberno galego como "ditadura de Rueda" e denunciou "a acción represiva da policía española, cunha presenza desmesurada coa que pretendían facer calar unha acción política, pacífica e enmarcada dentro da liberdade de expresión".