Novo xiro a respecto do futuro do grupo parlamentario de En Marea. Quen fora número 6 na candidatura da formación pola provincia de Pontevedra, Xoán Hermida, comunicou este luns que vén de presentar a súa renuncia ao escano que formalmente lle correspondería tras a dimisión de Juan Merlo. Faino apenas catro días despois de asumir formalmente a acta para evitar que, en aplicación do Regulamento da Cámara, fose asignado automaticamente ao Grupo Mixto por non pedir adscrición a grupo ningún. A decisión prodúcese, afirma nun comunicado remitido aos medios, porque o Consello das Mareas xa "aprobou a celebración da consulta ás inscritas" sobre se a parlamentaria Paula Quinteiro debe ou non dimitir.
Despois de que a coordinadora de En Marea -órgano de dirección ordinaria do partido instrumental- pedise o pasado marzo o cesamento de Quinteiro por mor do altercado coa policía local de Santiago no que se viu implicada, Hermida asegurou que non tomaría posesión, deixando correr a lista. No entanto, apenas vinte e catro horas despois daquel anuncio chegara outra dimisión, a de Merlo, tras admitir que incluíra no seu currículo unha formación universitaria en Enxeñaría que non chegara a rematar. Neste punto Hermida advertiu de que a súa renuncia ía ligada a unha eventual marcha de Quinteiro, pero o risco de que En Marea perdese un escano levouno a asumir a acta "provisionalmente".
Hermida renuncia formalmente á acta e dá lugar a un novo corremento da lista, polo que o escano correspondería agora á candidata número 7, Julia Torregrosa
Esta era a situación ata este luns. Despois de que na súa xuntanza do pasado sábado o Consello das Mareas -máximo órgano entre plenarios- aprobase unha consulta non vinculante sobre Quinteiro, Hermida coida que xa se dan as condicións para a renuncia, que tramitou ante a Cámara. No mesmo comunicado resalta, non obstante, que "seguen existindo dúas variantes intimamente ligadas neste conflito: a ética e o compromiso co electorado" e "considera que algúns deputados e deputadas de En Marea entenden as institucións como un todo e non como un instrumento para o cambio". Nesta liña, fai un "chamamento á unha maior participación na consulta" para que "exista un clamor claro a favor dos órganos lexítimos de En Marea" a partir do cal "cadaquén deberá actuar segundo a súa ética e o seu compromiso".
Voces internas de En Marea consideraran "unha chantaxe" a asunción provisional da acta e membros do Consello ven na consulta sobre Quinteiro "asumir o relato do PP" sobre o sucedido
O anuncio de Hermida chega despois de que destacadas voces do grupo parlamentario, como o seu vicevoceiro Antón Sánchez, criticaran aberatmente a asunción provisional da acta parlamentaria como unha "chantaxe" e unha "fraude". Prodúcese, ademais, nun contexto no que o sector crítico coa actual coordinadora de En Marea censura abertamente a convocatoria da propia consulta, que ven sinónimo de "asumir o relato do Partido Popular" e "facer oposición ante as propias filas", sinalaron nove membros do Consello nun comunicado feito público o pasado sábado. Dende o seu punto de vista, Quinteiro viu "vulnerada a súa presunción de inocencia" e padeceu "un linchamento" malia "existir un acordo do grupo parlamentario adoptado por ampla maioría" no que se manifesta "o apoio" para que a deputada continúe a exercer "con total normalidade".
Con este pano de fondo as disensións internas non minoran, pero a renuncia formal de Hermida si despexa relativamente o panorama no plano parlamentario. Así, a súa comunicación formal provocará un novo corremento de lista e corresponderalle tomar posesión do escano a Julia Torregrosa -integrante de Podemos-, que ocupara o sétimo posto na lista pontevedresa da formación nas eleccións galegas de 2016.