Investigado por corrupción, o 'número 3' do PSOE dimite e súmase ás frontes xudiciais que asedian a Sánchez

Santos Cerdán, 'número 3' do PSOE, xunto a Pedro Sánchez nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA PSOE

Santos Cerdán deixa o cargo no partido e o escano e Sumar pide reaccións ao presidente ante a expansión do caso Koldo, que se engade a outras frontes como as causas xudiciais contra o fiscal xeral do Estado ou contra a muller e o irmán de Sánchez

O ata este xoves número 3 do PSOE, o seu secretario de Organización, Santos Cerdán, comparecerá a declarar o 25 de xuño ante o Tribunal Supremo como investigado por delitos de corrupción. Farao de xeito voluntario despois de que así llo ofrecese este xoves o tribunal ao levantar o secreto de sumario dunha investigación aberta contra el derivada da xa en marcha contra o seu antecesor no cargo e ex-ministro de Transportes, José Luis Ábalos, e contra o asesor deste último Koldo García. Tras coñecer a súa imputación e aceptar declarar de xeito voluntario, Cerdán comunicou tamén a súa dimisión tanto do cargo no partido como do escano como deputado.

As conversas que implicarían a Cerdán en cobro de comisións por obras públicas, recollidas nun informe da UCO, fixeron que Sumar, socio de goberno de Sánchez, pedise a este unha reacción ante un caso que se engade a outras frontes como as causas xudiciais contra o fiscal xeral do Estado ou contra a muller e o irmán do presidente.

Santos Cerdán, 'número 3' do PSOE, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA PSOE

As conversas de Santos Cerdán con Ábalos e García coñecidas este xoves, nas que se fala de pagamentos de varios centos de miles de euros, son para o maxistrado do Supremo instrutor do caso "consistentes indicios" da comisión de presuntos delitos. Ademais, este xoves tamén foron revelados por diversos medios mensaxes entre Santos Cerdán e Koldo García nas que o primeiro pedía presuntamente ao segundo que inflase a votación en favor de Sánchez nas primarias de 2014 nas que foi elixido secretario xeral do PSOE.

Ante estes novos feitos, as habituais esixencias de dimisión e convocatoria de eleccións por parte do PP veñen seguidas de peticións de explicacións tamén por parte de socios parlamentarios dos socialistas. Sumar pediu a Sánchez cesar a Santos Cerdán e Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, salientou que este "non é socio do PSOE" pero defende que calquera caso de corrupción debe ser investigado "afecte a quen afecte". Nesa liña, a formación nacionalista esixe que Sánchez "ofreza explicacións claras" e tome "cartas no asunto" ante unhas informacións "suficientemente graves" xa que "afectan directamente á transparencia e credibilidade do executivo".

Pola súa banda, o líder popular, Alberto Núñez Feijóo, publicou en redes sociais que "todo indica que chegaron ao PSOE roubando as primarias e xa non puideron parar de roubar". Feijóo tamén avanzou que non acudirá a máis actos institucionais con Sánchez.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.