Jácome e o Concello deberán indemnizar unha funcionaria con case 50.000 euros por "danos morais"

Pérez Jácome, nunha rolda de prensa no Concello CC-BY-SA Concello de Ourense

O TSXG ratifica que o Concello e o alcalde de Ourense deberán indemnizar unha ex-funcionaria da administración local con case 50.000 euros por danos morais e pola súa incapacidade temporal

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirma que o Concello e o rexedor, Gonzalo Pérez Jácome, infrinxiron a normativa en materia de prevención de riscos laborais en relación coa ex-xefa de Negociado de Comercio, á que deberán pagar "de forma conxunta e solidaria" unha indemnización de 48.685 euros por "danos morais e incapacidade temporal". 30.000 polo primeiro concepto e o resto polo segundo. 

Casa do Concello de Ourense © Concello de Ourense

Segundo conta La Región, en feitos probados a sentenza avala que Jácome someteu a afectada a insultos e humillacións constantes, chegando a referirse a ela ante compañeiros con termos como "inepta", "inútil" ou "subnormal". O equipo de goberno baleirou de competencias á funcionaria deliberadamente e afastouna de moitas das súas funcións. A inclusión da muller nas listas do PP ás municipais empeorou a súa situación, que afectou a súa saúde dunha funcionaria que xa gañara outro xuízo ao Concello. 

O TSXG ordena o pago "de forma conxunta e solidaria" por parte do Concello e de Jácome dunha indemnización á muller de case 50.000 euros

O tribunal rexeitou os recursos presentados polo Concello e o alcalde e confirma a sentenza emitida en primeira instancia polo Xulgado do Social número 2 de Ourense. Na resolución, o TSXG desestima “as profusas denuncias tendentes á nulidade de actuacións”, así como os motivos de modificación expostos polos recorrentes. Os codemandados alegaron, entre outros, vicios procesuais, falta de competencia da orde social, falta de lexitimación e carencia de proba ou nexo causal, así como erros na valoración fáctica e xurídica.

O TSXG destaca que “a responsabilidade do Concello si é obxectiva ou de resultado no que se refire á protección de riscos dos traballadores”, así como que “o nexo causal entre o traballo e a falta de protección dun risco é evidente”

Rexeitadas as impugnacións

Ademais, na resolución, rexeita as impugnacións procedementais por falta de concreción e por improcedencia de trasladar a suplicación unha revisión ampla da valoración da proba.

Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense, este 9 de setembro en rolda de prensa CC-BY-SA Imaxe tirada da retransmisión ofrecida polo Concello de Ourense

No ditame, o tribunal confirma a competencia da orde social para coñecer de incumprimentos en materia de prevención que afecten á saúde do persoal, rexeita as pretensións de modificación da maior parte dos feitos probados, salvo unha admisión parcial dunha matización sobre a literalidade do informe pericial médico, e considera acreditado o nexo entre a falta de medidas preventivas e o dano sufrido pola demandante.

O TSXG entende probado o incumprimento dos codemandados dos seus deberes de prevención de riscos laborais. En consecuencia, desestima os dous recursos e confirma a sentenza de instancia, impoñéndolles, ademais, as custas. A sentenza non é firme, pois cabe interpoñer recurso de casación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.