A Audiencia de Ourense arquiva a causa contra Jácome que o arriscaba á inhabilitación

Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense, nunha comparecencia pública © Concello de Ourense

A Audiencia de Ourense atende o recurso do rexedor e anula o auto do xulgado que o enviaba a xuízo por prevaricación por non pedir a compatibilidade entre o seu posto público e a actividade privada xestionando unha canle televisiva

Outro caso Jácome arquivado. A Audiencia Provincia de Ourense vén de atender o recurso do alcalde ourensán contra o auto do xulgado que, o pasado abril, o deixou ás portas dun xuízo por prevaricación por non pedir expresamente permiso ao pleno municipal para compatibilizar as súas actividades privadas -esencialmente, xestionar a súa canle televisiva Auria TV- co posto de rexedor, o cal para o xuíz instrutor podía supoñer que levase sete anos cobrando indebidamente das arcas municipais.

Se o proceso seguise adiante, máis aínda despois dunha petición da Fiscalía formulada hai escasos días, Gonzalo Pérez Jácome expúñase a ser inhabilitado ou, o que é o mesmo, a perder o bastón de mando e ficar fóra de xogo para as eleccións de 2027. Pero a Audiencia vén aplicar un xiro de guión ao revogar o auto ao considerar que a conduta de Jácome non encaixa no tipo penal da prevaricación administrativa.

Gonzalo Pérez Jácome co bastón de mando tras a súa segunda toma de posesión como alcalde de Ourense en xuño de 2023 © Concello de Ourense

"Non toda omisión ou incumprimento dun deber por parte dun funcionario pode catalogarse de prevaricación administrativa omisiva por non ser equivalente a unha resolución arbitraria expresa", indica nun auto ditado este venres. A resolución agrega ademais que Jácome "entendeuse amparado" por un informe da asesoría xurídica municipal e por unha actuación pasada da Fiscalía, que "tras abrir dilixencias, finalizou arquivando as mesmas por entender que non existía infracción penal e si unha irregularidade de carácter administrativo".

"Non toda omisión ou incumprimento dun deber por parte dun funcionario pode catalogarse de prevaricación administrativa omisiva por non ser equivalente a unha resolución arbitraria expresa", di o tribunal

"Se ben é certo que puideron faltar datos" para que o asesor municipal chegase a esa conclusión, enfatiza a Audiencia, o alcalde "púidose ver amparado". E en calquera caso, "a prevaricación administrativa, tamén na súa modalidade omisiva" -non facer algo que se debe facer- "esixe a existencia dun deber xurídico concreto" cuxa "inobservancia deliberada produza un resultado materialmente equiparable ao ditado dunha resolución arbitraria e inxusta". "Non basta -sintetiza- a mera infracción dunha norma administrativa nin o incumprimento de obrigas derivadas do réxime de incompatibilidades dos cargos públicos".

Neste contexto, a Sala razoa que, en tal caso, "resultaría propio da xurisdicción contencioso-administrativa, vía á que non se acudiu", dilucidar a cuestión que remata percorrido penal con este auto, contra o que cabe recurso de casación. O tamén líder de Democracia Ourensana celebra o ditame no que considera un "bo día para OUrense" porque "a verdade volveu atopar un camiño para impoñerse". "Non será a última denuncia contra min mentres siga sendo alcalde, vaime no cargo", acrecenta nunha mensaxe nas redes sociais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.