Jácome substitúe as roldas de prensa por emisións dende o salón de plenos na súa televisión privada

Captura da retransmisión na canle de YouTube de Auria TV da primeira 'rolda informativa' de Jácome desde o salón de plenos do Concello de Ourense CC-BY-SA Praza.gal

O alcalde de Ourense emprega o salón de plenos do Concello para a retransmisión da primeira "rolda informativa", que emitiu en directo a través da canle de YouTube da televisión privada da súa propiedade, Auria TV

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, celebrou na mañá deste martes a súa primeira “rolda informativa”, que informou que serán “en substitución das roldas de prensa” debido, nas súas palabras, “á manipulación mediática que asolaga o mundo e en Ourense adquire un grao de caciquismo nunca visto, debido tamén á inxerencia das administracións públicas por todos os medios de comunicación que viven subvencionados”.

Jácome optou por esta fórmula para anunciar a programación do Nadal ourensán e habilitou un número de teléfono móbil, o 673747799, para quen quixera dirixirse a el durante a emisión en directo e trasladarlle preguntas por WhatsApp. O alcalde empregou o salón de plenos do Concello para esta retransmisión, que se puido ver en directo a través da canle de YouTube da televisión privada da súa propiedade, Auria TV.

O primeiro edil de Ourense censurou que “algúns medios” de comunicación intentan “converterse nun auténtico poder político”, “aínda que non teñan espectadores, ouvintes ou lectores”. “Moitos políticos si que lle dan forza e credibilidade a eses medios, aínda que, repito, non teñan lectores ou as súas variantes; e convertéronse en auténticas armas onde realmente a verdade non importa”, asegurou na introdución da súa “rolda informativa”.

A verdade non necesita intermediarios, por iso nós dirixímonos directamente aos cidadáns”, aseverou Jácome, para a continuación valorar que as roldas de prensa “só servían para adulterar a información” por parte dos medios de comunicación locais que as adoitaban cubrir. “Esta rolda orixinal tamén a van adulterar”, incidiu, mais sinalou –dirixíndose á xente– que “sempre poderán vir aquí –en referencia ao vídeo na canle da súa televisión privada– para consultar a información orixinal”.

A concelleira de Artes e Festexos, Igualdade e Sanidade, Noa Rouco, acompañou a Jácome na “rolda informativa” exclusiva para abordar a programación do Nadal. En pouco máis de vinte minutos de directo, o alcalde actuou tamén como moderador das preguntas que foron chegando a través de WhatsApp ao número de teléfono que repetiu en varias ocasións. 

“Impedir o traballo dos medios non só vai contra as obrigas de transparencia e respecto ao dereito á información que ten calquera cargo público, senón que representa ademais un grave perigo para a democracia”, destaca o Colexio de Xornalistas

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia rexeita “con rotundidade” a decisión do alcalde de Ourense de “eliminar as conferencias de prensa” e lembra que “as preguntas das e dos xornalistas son o que fiscaliza a comunicación dos cargos políticos para que o que chegue á cidadanía sexa información e non propaganda”.

“Impedir o traballo dos medios non só vai contra as obrigas de transparencia e respecto ao dereito á información que ten calquera cargo público, senón que representa ademais un grave perigo para a democracia”, incide o Colexio nun comunicado no que censura os “reiterados ataques á profesión” de Jácome desde que chegou á alcaldía.

Ademais, o Colexio critica que “sen a inventiva de cualificalo como ‘roldas informativas’, moitos cargos políticos convocan cada vez máis conferencias de prensa nas que non se admiten preguntas, o que na práctica é o mesmo que impedir a presenza dos medios de comunicación”. Para a entidade que representa a toda a profesión xornalística galega, as declaracións políticas sen a mediación das preguntas dos e das xornalistas “son só propaganda”.

Pola súa banda, Gonzalo Pérez Jácome xa avanzou que “antes de final de ano” haberá outra “rolda informativa” que se centrará nun “tema político”. O líder de Democracia Ourensana mantense no poder co apoio do PPdeG. Representantes do PSdeG e do BNG na cidade das Burgas trataron de impulsar o pasado mes de xuño unha moción de censura, pero precisaban do respaldo dos edís populares. O presidente da Xunta chegou a criticar as "liñas vermellas" dos nacionalistas no proceso, aínda que afirmou que a decisión dependía dos partido en Ourense. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.