Madrid e Lisboa danse cinco meses para consensuar políticas contra o despoboamento na raia

Costa e Sánchez, durante a Cimeira Ibérica Dominio Público Borja Puig / Goberno de España

Antes do 30 de abril de 2019 un grupo de traballo creado polos gobernos de España e Portugal deberá propoñer medidas concretas para loitar contra o despoboamento ao longo da raia fronteiriza. Esa é unha das medidas máis concretas acadadas este mércores na XXX Cimeira Ibérica celebrada en Valladolid, saldada cunha longa declaración conxunta chea de boas intencións para o futuro pero con poucas concrecións prácticas tapadas en parte tanto pola boa sintonía persoal que se esforzaron en amosar o presidente Pedro Sánchez e o primeiro ministro António Costa como pola presenza nas axendas mediáticas de Madrid e Lisboa de conflitos internos que pesaron máis que os problemas da raia.

A declaración final da Cimeira Ibérica acolle con "satisfação" os "progressos coordenados" para a modernización da liña ferroviaria do Porto a Vigo

A Cimeira “toma nota” das conclusións acadadas nunha reunión previa da comisión de seguimento to Tratado de Valencia sobre cooperación transfronteiriza entre España e Portugal na que diversas administracións e institucións con presenza directa sobre o terreo incidiron na necesidade de mellorala pensando nas necesidades reais da cidadanía que vive na raia. A declaración institucional emitida este mércores polos dous gobernos recolle o reto e fixa o 30 de abril como data para dispoñer de conclusións a respecto de que facer para mellorar a vida na raia e frear o seu despoboamento.

Río Miño na súa desembocadura entre A Guarda e Caminha / POL

En materia de infraestruturas, no ámbito de Galicia e o Norte de Portugal a declaración amósase compracente e acolle con "satisfação" os "progressos coordenados no desenvolvimento tanto das ligações ferroviárias quanto das rodoviárias". Nomeadamente, sinala unha das conexións clave e saúda "o franco desenvolvimento das obras de modernização e eletrificação do troço Nine/Viana do Castelo/Valença (fronteira)", isto é, a electrificación que resta da banda portuguesa do tren Porto-Vigo, e mais "o começo das obras relativas aos três projetos que compreendem a eletrificação" de Tui-Guillarei, iniciada recentemente.

Educación, incendios, medio ambiente

O primeiro ministro de Portugal e o presidente do Goberno de España, na Cimeira Ibérica / Borja Puig - Goberno de España

Alén das conexións viarias e ferroviarias, ambos Executivos asumen -ou, cando menos, declaran asumir- "compromisos" en materia educativa que atinxirían directamente á Xunta no desenvolvemento da lei Paz-Andrade para o fomento do portugués nas aulas. Os gabinetes de Sánchez e Costa afirman que van "apoiar" as "experiências educativas em zonas transfronteiriças com a participação dos sistemas educativos de ambos os países e a participação das comunidades educativas regionais e locais, as escolas, os professores e as famílias, para promover a educação bilingue".

"No âmbito da cooperação em matéria de incêndios florestais os dois países sublinharam a necessidade de intensificar os contactos e partilhar atuações conjuntas"

O documento final da Cimeira Ibérica fíxase tamén nun dos aspectos que máis atinxen á Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e sobre o que o Eixo Atlántico -entidade transfronteiriza que agrupa concellos de ambas beiras da raia- vén poñendo o foco dende hai anos. "No âmbito da cooperação em matéria de incêndios florestais -resalta o documento-, os dois países sublinharam a necessidade de intensificar os contactos e partilhar atuações conjuntas tendo em consideração a próxima Estratégia de Prevenção de Incêndios Florestais".

Ligado ao medio ambiente, a Cimeira tamén concluíu a necesidade de coordinárense máis na avaliación ambiental de "todos" os proxectos "com eventuais impactos ambientais transfronteiriços". Nun sentido semellante, asegura que colaborarán máis en ámbitos tecnolóxicos ou en aspectos como a interconexión eléctrico.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.