Mario Conde abandona o pazo ourensán rehabilitado con axudas da Xunta de Fraga e ligado aos Baltar

A Casa Grande da Cerca, nunha imaxe promocional © Galiciaparaelmundo.com

En abril de 2016 o ex-banqueiro Mario Conde regresou aos titulares da prensa. O que en 2012 fora candidato ás eleccións galegas por un partido chamado Sociedad Civil y Democracia fora detido na primavera de hai dous anos baixo a acusación de pretender repatriar cartos que, segundo a investigación, roubara de Banesto. Un dos escenarios daquela operación policial -que avanza con lentitude e na que, segundo informes de Facenda publicados por El Mundo, está a esvaecer a acusación de branqueo de capitais- fora a Casa Grande da Cerca, un pazo no concello ourensán da Mezquita que fora rehabilitado para ser destino de turismo rural con fondos da Xunta de Fraga e que deu en ligar a antiga estrela das finanzas coa familia Baltar. Ese pazo é o que Conde vén de anunciar que abandona.

O antigo banqueiro, que nos últimos anos se esforzou en presentarse cunha imaxe intelectual e de analista político, vén de publicar a través da súa conta de Facebook unha "carta de despedida aos meus paisanos de Chaguazoso", un texto no que explica á veciñanza do lugar, "compatriotas e paisanos", que tomou a "decisión" de "abandonar a nosa vila", unha determinación "especialmente dolorosa" da que non revela os motivos. Pero que "non quere executar" sen "unha despedida formal" na que "o seu principal ingrediente é o agradecemento".

Na súa carta aos "compatriotas e paisanos" de Chaguazoso o ex-banqueiro non detalla as razóns da súa marcha

Mario Conde asegura nesa carta que en 2009 decidiu tornar a Casa Grande da Cerca no seu retiro rural durante unha estancia en Ourense na que "contemplei unha sorte de díptico que falaba dun lugar para min daquela descoñecido: os Tres Reinos". "Ignoro por que, pero invadiume unha sorte de estraña emoción e sentín unha chamada que nacía dentro de min, un impulso irrefrenable a camiñar cara a ese ignorado lugar", asegura. Foi así como, segundo o relato de Conde, el e a súa parella deron en reservar un cuarto na casa na que "era como se xa vivise, existise nese lugar, se cadra noutras vidas, de ser certo iso que chaman reencarnación". Despois diso, a casa tornou na súa residencia habitual ata agora.

Irregularidades constatadas pola Xunta

A cuestión das reservas como ás que alude Mario Conde na súa carta de despedidas foi, precisamente, un dos aspectos que apuntou as irregularidades na xestión da casa, as mesmas que en 2016 admitiu a propia Xunta. Cando Conde dixo sentir unha "chamada" cara ao edificio, esta casa seguía a ser promocionada no portal oficial de Turgalicia como casa de turismo rural, finalidade para a que fora restaurada na década anterior grazas, en boa medida, ás subvencións do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional xestionadas pola Xunta. Segundo publicara o portal especializado Hosteltur, as obras custaran uns 490.000 euros e uns 120.000 saíran das arcas públicas, razón pola cal os traballos foran inaugurados por Fraga na súa condición de presidente do Goberno galego.

O pazo era propiedade de Gabriel Caldelas, antigo tenente de alcalde do Concello, e recibiu 120.000 euros públicos en tempos de Fraga para a súa rehabilitación como casa de turismo rural

Naquel acto inaugural o ex-presidente eloxiara o "esforzo" do seu propietario, Gabriel Caldelas, antigo tenente de alcalde do Concello do mesmo municipio e pai de María José Caldelas, elixida deputada do PPdeG en 2001 pola provincai de Ourense e esposa dende 2007 do actual presidente do PP e da Deputación na provincia, José Manuel Baltar. A cerimonia da súa voda celebrárase, precisamente, no pazo de Chaguazoso.

Mentres todos estes acontecementos sucedían, xurdía o ruxerruxe segundo o cal naquela suposta casa de turismo rural nunca había prazas dispoñibles. Pero esa apertura para o público xeral cando menos ata o ano 2015 era unha das condicións da subvención europea En 2012, cando Conde xa figuraba como candidato á Xunta por SCD, Caldelas declarara a Faro de Vigo que lle tiña alugado o pazo a Bernaclas S.L, unha empresa de Conde, que á súa vez "alugaba cuartos a traballadores desa empresa".

No entanto, o que se presentaba como funcionamento normal da casa non era tal. Así o admitiu Turismo de Galicia en 2016 a preguntas do PSdeG tras a detención de Conde. En 2013, admitira a Xunta, unha inspección oficial "comprobou" a "inactuvidade" da Casa Grande da Cerca como aloxamento de turismo rural e en xuño daquela no o seu titular foi sancionado por unha "infracción administrativa grave en materia de turismo", ratificada despois polos xulgados do contencioso-administrativo de Ourense. "O interesado" -ao que a Xunta non identificaba naquela resposta- tiña de prazo "entre 2015 e 2019" para devolver os cartos da subvención.

Cartaz electoral de Mario Conde nas eleccións galegas de 2012 © SCD

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.