Miles de persoas claman en Madrid pola liberdade dos presos independentistas cataláns e a autodeterminación

Cabeceira da manifestación 'A autodeterminación non é delito' en Madrid CC-BY-SA Òmnium

Unha marea de bandeiras catalás asolagou este sábado o madrileño Paseo del Prado para clamar contra o xuízo do procés e esixir a liberdade dos dirixentes independentistas que se atopan en prisión provisional. A autodeterminación non é delito. Democracia é decidir foioa lema da manifestación convocada por entidades sociais, como Òmnium Cultural e ANC e na que participaron os partidos soberanistas, como ERC, Junts Per Catalunya e a CUP e que dende Galicia tivo a adhesión do BNG e Anova, ademais do apoio de colectivos como Mar de Lumes ou Galiza con Catalunya.

Unha marea de bandeiras catalás asolagou o centro de Madrid para clamar contra o xuízo do procés e a prol da autodeterminación catalá

"Este xuízo é unha farsa", "liberdade presos políticos", "1 de outubro: nin esquecemento nin perdón", "independencia" e "unidade" foron as consignas máis exclamadas durante a marcha na que participaron miles de persoas -120.000, segundo a organización, que a Delegación do Goberno de España en Madrid reduce a 18.000-que vestían maioritariamente prendas de roupa amarelas e portaban lazos da mesma cor en reivindicación da liberación dos presos. Gran parte dos manifestántes desprazáronse a Madrid en máis de 500 autobuses fretados pola organización, segundo sinalaron as entidades organizadoras.

Dende Galicia o BNG, Anova e colectivos como Mar de Lumes e Galiza con Catalunya secundaron a protesta

A lembranza das cargas policiais do 1-O estivo moi presente nunha manifestación que transcorreu sen incidente ningún.  "Non hai xustiza", "liberdade presos políticos" e "non pasarán" foron as pancartas que máis se viron. Algúns dos asistentes tamén levaban fotos dos líderes independentistas que están no cárcere. Todos eles foron especialmente lembrados cando, dende o escenario instalado no remate do percorrido, foi emitido un vídeo con imaxes do xuízo do procés. A Praza da Cibeles desfíxose en aplausos ás verbas de Jordi Cuixart, Jordi Sànchez e Oriol Junqueras.

Un intre da manifestación do soberanismo catalán en Madrid © ANC

"Acóllenos o Madrid solidario, aberto e antifascista"

Dende as entidades organizadoras da mobilización o vicepresidente de Òmnium, Marcel Mauri, tivo palabras de agradecemento para "o Madrid solidario, aberto, antifascista, que nos acolle e acompaña": "Estamos aquí para reivindicar que se respecten dereitos e liberdades que agora mesmo están en risco no Estado". 

"Reivindicamos que se respecten dereitos e liberdades que agora mesmo están en risco no Estado"

Mauri apela directamente ao Goberno de Pedro Sánchez. Debe, di, "retirar todas as falsas acusacións que hai sobre Jordi Cuixart e o resto de presos políticos, que a Avogacía do Estado retire toda a causa e que haxa diálogo e negociación política".

Dende a ANC a súa presidenta, Elisenda Paluzie, describiu a mobilización como "unha demostración do civismo e a capacidade de mobilización do pobo de Catalunya". Trátase, dixo, de rexeitar un xuízo que é "unha vergoña democrática do Estado español". Isto é así porque se "atribúe a violencia" a quen a padeceron no canto de "a quen a exerceron".

No ámbito dos dirixentes políticos gran parte do protagonismo foi para Joaquim Torra, presidente da Generalitat. "Escoita, España este berro de liberdade, estes berros de independencia", expresou Torra, que destacou que "non hai viaxes longas para a loita pola autodeterminación". "Non pararemos ata ver a liberdade" dos dirixentes presos e "ata que se respecte o noso dereito á autodeterminación", afirmou. 

Comitiva da plataforma 'Galiza con Catalunya' na manifestación de Madrid CC-BY-SA Mar de Lumes

"Fronte aos tres xinetes da apocalipse ultra, nós poñemos democracia, pacifismo, civismo e rúa"

Pola banda de ERC o seu deputado Gabriel Rufián, que recunca como candidato nas xerais, sistetiza o vivido en Madrid deste xeito: "Fronte aos tres xinetes da apocalipse ultra, fronte a Casado, Rivera, Abascal e segundo que PSOE, nós poñemos democracia, pacifismo, civismo e rúa", exclamou. "Aquí hai miles de bandeiras, miles de sensibilidades políticas diferentes" e "o único que importa é a loita pola democracia e facer un dique contra o fascismo" xa que, asegura, "a única pregunta que cabe facerse é quen será o seguinte".

Os comuns tamén apoiaron a manifestación coa representación do primeiro  tenente de alcalde de Barcelona, Gerardo Pisarello, que reivindicou que esta era unha mobilización tamén para "non independentistas". "Moitas das persoas que están acusadas destes delitos son os nosos adversarios políticos, pero consideramos que a súa situación é inadmisible". 

Maroto (PP) cargou contra Sánchez e Carmena por "permitir" a mobilización e proclama que "con Casado isto non volverá suceder"

Mentres se desenvolvía a protesta unha das reaccións máis iradas contra a mobilización foi a de Javier Maroto, vicesecretario de organización do PP.  A través de Twitter Maroto cargou contra Pedro Sánchez e alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena, por "permitir" a mobilización e afirmou que "con Pablo Casado isto non volverá suceder". A lei vixente estipula que as manifestacións deben ser "comunicadas" ás autoridades, ás que non corresponde "permitilas" ou non en función do seu contido. Horas despois, ante o balbordo xerado, agregou que debeu ser "máis exacto" porque "non queremos prohibir manifestacións", senón "non volver ver políticos" que "permitan ou alenten a quebra" do Estado de Dereito.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.