Nin as concesións "a perpetuidade" na costa son tal: a xustiza avala que Rajoy rematase unha na Coruña outorgada na República

Terreos gañados ao mar hai un século na ría do Burgo e outorgados en concesión "a perpetuidade" que a xustiza considera que seguen sendo públicos CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia

En plenas reclamacións de Xunta e PPdeG de ocupacións privadas máis duradeiras en zonas públicas do litoral, a Audiencia Nacional rexeita que se manteña a dun terreo da ría do Burgo desecado hai un século para "sanealo"

A Audiencia Nacional vén de pronunciarse novamente a favor de rematar coa ocupación privada de terreos públicos do litoral gañados hai un século á ría do Burgo a carón da ponte da Pasaxe. Unha decisión que chega en plena campaña de reclamación desde a Xunta e o PPdeG de ocupacións privadas máis duradeiras dese tipo de espazos públicos e mentres a UE vén lembrando de diversos xeitos que estas non poden ser ilimitadas.

No caso da concesión coruñesa, nin o feito de que fose outorgada en 1933 "a perpetuidade" impide que a xustiza veña ratificando que os terreos en cuestión forman parte do dominio público marítimo terrestre. Se ata agora a xustiza xa ratificara primeiro o deslinde de 2006 que considerou ese espazo como dominio público marítimo-terrestre e avalara despois a declaración de caducidade da concesión ditada en 2014, agora a Audiencia Nacional confirma tamén a negativa de 2018 do Goberno de España de outorgar unha nova concesión a unha empresa xa asentada alí. Decisións as dúas últimas tomadas, con maior ou menor lentitude ou efectos prácticos, por executivos do PP encabezados por Mariano Rajoy.

Terreos gañados ao mar hai un século na ría do Burgo e outorgados en concesión "a perpetuidade" que a xustiza considera que seguen sendo públicos CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia

A sentenza agora emitida pola Audiencia Nacional fai repaso das resolucións xudiciais previas e firmes sobre as concesións a carón da ponte da Pasaxe e remóntase á orixe da transformación da zona. Así, foi en xaneiro de 1933 cando o Ministerio de Obras Públicas da República outorgou "a perpetuidade" unha concesión "sobre un anaco de marisma" da ría do Burgo "coa fin de desecala e saneala". Esa concesión mudou de mans e parte do espazo acabou en uso por parte de Congeladora Coruñesa, que é a empresa que agora vén de ver rexeitadas novamente as súas pretensións ante a Audiencia Nacional.

O tribunal lembra que o Supremo xa se pronunciou anteriormente sobre o fondo da cuestión a respecto do alcance da concesión "a perpetuidade". A xustiza salienta que a concesión foi outorgada ao amparo da Lei de Portos de 1928 e "non incluía no seu contido xurídico a conversión do dominio público en privado". Avala así a argumentación que defendía o departamento de Costas do Estado, fronte á Lei de Augas de 1878 que si prevía "a transformación das concesións en dereito de propiedade cando se trataba de desecamento de terreos insalubres". Pola contra, a empresa afectada argumentaba que os terreos si derivaran en privados. 

Argumentario do Supremo dun preito previo sobre a mesma zona salientado agora pola Audiencia Nacional na nova sentenza que avala que non se outorgase unha nova concesión sobre o espazo CC-BY-SA Praza Pública

O Supremo xa sentenciara que o feito de que o concesionario orixinal cumprise coa condición imposta en 1933 de desecar o terreo non implicaba que a concesión se transformase en propiedade privada xa que seguiron vivas outras condicións

Pero a xustiza analizou as condicións en que se outorgara a concesión e concluíu que estas seguían vixentes e impedían que os terreos quedasen libres desas cargas e pasasen a ser privados. Así, a xustiza di que a concesión non tiña como única condición desecar e "sanear" a marisma de xeito que cando iso se completase o terreo pasase a ser privado. Polo contrario, a concesión tamén ía ligada a condicións atemporais como manter o espazo "en bo estado" ou desviar de determinados xeitos as augas residuais. 

"Non é, pois, o incumprimento do desecamento e saneamento dos terreos da marisma por parte do concesionario o único que determina a caducidade da concesión, de xeito que, efectuada esa obra, o concesionario deviña xa propietario dos mesmos, como se pretende pola parte recorrente, pois neste caso a concesión pervivía como tal, como resulta das outras condicións establecidas na concesión", conclúe a xustiza. 

Así que como para a xustiza os terreos nunca deixaran de ser unha concesión, cando chegou a Lei de Costas de 1988 que limitou as ocupacións de terreos públicos as súas disposicións eran plenamente aplicables ao caso. Isto é, non houbera "transformación do dominio público en propiedade privada con anterioridade á entrada en vigor da Lei de Costas". E o que pasou ao amparo desa lei foi que en 2006 o Estado realizou o deslinde da zona, o proceso polo que se estableceu que parte do litoral é público por estar baixo a influencia do mar. E os terreos en cuestión quedaron incluídos no denominado dominio público marítimo-terrestre.

Terreos gañados ao mar hai un século na ría do Burgo e outorgados en concesión "a perpetuidade" que a xustiza considera que seguen sendo públicos CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia

A xustiza di que malia a concesión "a perpetuidade" de 1933 eses terreos públicos nunca se chegaron a transformar en propiedade privada antes de que entrase en vigor a Lei de Costas de 1988 que limita a duración das concesións

O recurso presentado fronte a ese deslinde de 2006 foi desestimado finalmente de xeito firme polo Tribunal Supremo en 2012. Despois, o departamento de Costas declarou en 2014 a caducidade da concesión de 1933, decisión que tamén foi recorrida. Pero a Audiencia Nacional ratificou en 2017 noutra sentenza firme que a caducidade da concesión era correcta.

O seguinte paso no conflito sobre o que agora vén de pronunciarse a Audiencia Nacional foi que Congeladora Coruñesa pediu unha nova concesión na zona, pero en 2018 unha orde ministerial denegouna baseándose fundamentalmente nas resolucións xudiciais previas. A empresa recorreu e agora a Audiencia Nacional ratifica a decisión do Goberno de España de non outorgar esa nova concesión amparándose novamente nas mesmas e anteditas sentenzas xa firmes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.