NÓS compromete "asentar un proxecto nacionalista" tras un resultado "malo sen paliativos"

Candidatos e candidatas de NÓS, na valoración dos resultados CC-BY-NC-SA NÓS

"Son malos, sen paliativos, moi lonxe das nosas expectativas; e son malos non só para a coalición electoral senón, sobre todo, para este país e para a xente deste país". A cabeza de lista de NÓS-Candidatura Galega por Ourense, Noa Presas resume deste xeito o resultado da formación que, con pouco máis de 70.000 votos, ficou sen a representación parlamentaria que o BNG viña obtendo ininterrompidamente no Congreso dende mediados dos 90.

"David non sempre vence a Goliat e menos, a 4", di o candidato pola Coruña, Carlos Callón. Para a plataforma soberanista tanto os membros da súa candidatura como a súa contorna fixeron "todo o posíbel, todo o que estaba nas nosas mans" para "construír unha candidatura en tempo récord" e "ao servizo do país". "Pero non fomos quen de superar o contexto de bipartidismo a catro". A xuízo da candidata lucense, Olalla Rodil, resulta "evidente" que "non fomos capaces de contrarrestar unha intensa campaña televisiva que centrou as expectativas electorais en catro forzas estatais", contexto que tornou en "obstáculo que NÓS non puido superar".

"Non fomos capaces de contrarrestar unha intensa campaña televisiva que centrou as expectativas en catro forzas estatais"

Este resultado, advirte Rodil, non implica que o BNG e o resto de formación que compoñen NÓS perdan o convencemento de que "este país precisa unha alternativa nacionalista". "O nacionalismo galego reafirma o seu compromiso para dar o mellor de nós e seguir traballando pola maioría social deste país". "Sentímonos orgullosas do traballo realizado", sintetiza.

Na mesma liña, a candidata por Pontevedra, Carme Adán, indica que o mal resultado chega despois dun traballo "da unidade por Galiza, unha experiencia de suma que deberá ter proxección de futuro", e tras unha campaña "chea de creatividade, de orgullo e propostas" e tamén de "sorrisos". 

"Dende mañá mesmo imos construír o proxecto nacionalista que este país necesita"

O "proxecto que este 20D representou NÓS-Candidatura Galega", engade Callón, está "cargado de futuro". "Dicímolo con convencemento, cun sorriso na boca", porque "foron moitas as persoas que nestas semanas recuperaron a ilusión, o orgullo e a vontade de dar o mellor de si en favor dun país libre no que podermos vivir e traballar con dignidade". Por elas, conclúen dende NÓS, "imos comezar, dende mañá mesmo, o proxecto nacionalista que este país necesita".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.